Conta atrás en marcha para o arranque de Equiocio Ferrol. A programación da 34 edición do certame ecuestre e de lecer, que hoxe se daba a coñecer oficialmente, vén cargada de novidades –a fundamental é que haberá un cuarto día de competición hípica- e cun compromiso reforzado por servir de escaparate a Ferrol e a súa comarca, co bo ambiente, a aposta pola sostibilidade e a inclusión como bandeiras.
O patio do Centro Cultural Torrente Ballester acollía o acto de presentación de Equiocio Ferrol 2025, que volverá a atraer a milleiros de visitantes ao Campo das Cabazas, en Covas, entre o xoves 31 de xullo e o domingo 3 de agosto. Unha cita na que o comité organizador, liderado por Ricardo Pérez Lama, con Ana Pérez Lago como directora e Federico Pérez Lago como director deportivo, contou co respaldo da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; a deputada provincial de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García; a concelleira de Turismo de Ferrol, María del Carmen García, e representantes das principais empresas patrocinadoras: Gadis -o conselleiro e delegado de área en Ferrol, José Carlos Díaz Arnau- e Estrella Galicia -a responsable de medios ganados de Hijos de Rivera, Loreto Rodríguez, e tamén de Coca-Cola -a xestora de Comunicación Gema Domínguez-.
Novidades deportivas
Como sempre, a competición hípica será o prato forte do certame que, para facilitar ao público o seguimento dos concursos, concentrará na pista central todas as probas. De aí que, polo elevado número de cabalos rexistrado -o tope estipulado pola organización- a organización decidira adiantar a competición ao xoves. Durante eses catro días, en Equiocio Ferrol disputaranse o Concurso Nacional de Saltos*** Cidade de Ferrol, o Nacional de ponis, e o Concurso de salto territorial.
Detallaba o director deportivo que haberá ao redor de 260 saídas diarias a pista, contando con xinetes e amazonas de primeiro nivel procedentes de toda Galicia, de Madrid, Asturias, Murcia, e do veciño Portugal, país que chegará coa delegación máis potente dos últimos anos, con unha vintena de cabalos. Con todo, será por riba de todo a gran festa da canteira da nosa terra.
Entre os nomes propios a ter en conta, Federico Pérez Lago apunta o dos lusos Ivo e Hugo Carvalho, dúas veces gañadores do Gran Premio Cidade de Ferrol, o do madrileño Álvaro Gil e, como non, o do galego, Javier González Fraga, vencedor da pasada edición que vén de coroarse como o mellor español do Campionato europeo de Casas Novas.
Lecer para toda a familia
Aínda que, como é habitual, a oferta de Equiocio Ferrol dá para moito máis. Así, o evento reforza o seu empeño de ser escaparate de Ferrol e da comarca en todos os planos. No turístico, no deportivo (ademais de hípica, aposta pola btt), no cultural (dende a promoción da Festa das Pepitas aos concertos de bandas locais como Malditos Pendejos) e, como non, no eido social, coa presenza de parte das entidades sociosanitarias, que colaboran habitualmente co evento, e buscando que todas as persoas, independentemente das súas capacidades, poidan desfrutar do certame.
Finalmente, referiuse ás novidades. A reformulación da oferta infantil cos obradoiros de cociña creativa de Gadis. Maior peso das actividades de benestar e saúde, con talleres de sonoterapia como reclamo, ou a actualización do Ecomarket coa incorporación de novas marcas e unha morea de talleres de artesanía sostible para participar en familia.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo de Ferrol, María del Carmen García Fraga, subliñou que “Equiocio Ferrol é moito máis que un evento deportivo. É un punto de encontro para familias, visitantes e veciños. Actúa como valor engadido da cidade e convida a vivir Ferrol dun xeito diferente, en familia e cos cinco sentidos”.
Nesta liña pronunciouse tamén a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, para quen “Equiocio Ferrol é un certame que xurdiu hai máis de tres décadas como unha festa do deporte ecuestre, pero que agora é moito máis. É unha cita ineludible, que soubo adaptarse aos tempos e ir evolucionando. Pon en valor o coidado da natureza, a cultura e o compromiso co mundo social. Equiocio forma parte da identidade de Ferrol e da súa comarca, e contribúe a crear cidade”.
Así mesmo, a deputada provincial de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, reafirmaba o compromiso da Deputación co certame porque “Equiocio Ferrol une deporte, compromiso social e sostibilidade e é un escaparate para o Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, tendo un impacto fundamental no campo deportivo e turístico, dous sectores clave para a reactivación económica”.
Finalmente, as empresas patrocinadoras coincidían á hora de compartir valores co evento. Así, José Carlos Díaz Arnau, en nome de Gadis, destacaba ese respecto pola contorna e o compromiso con Galicia e a súa xente. Loreto Rodríguez, en representación de Estrella Galicia, subliñaba a súa aposta polo lecer en familia e o seu impacto postivo, e Gema Domínguez, apuntaba que Equiocio Ferrol é un evento inspirador e que transforma.
A Coral Polifónica Ferrolana do Casino Tenis Club poñía o broche de ouro ao acto coa interpretación do tema “Ferrol”, concluíndo o mesmo coa tradicional foto de familia.

horarios y orden de salida en concurso territorial. gracias