Equiocio Ferrol activa este venres as súas competicións hípicas nas que participarán 250 cabalos

Mañá venres, desde primeira hora da mañá, arrincan as competicións hípicas de Equiocio Ferrol 2023. Un total de 250 cabalos e outros tantos xinetes e amazonas tomarán parte no “Concurso Nacional de Saltos***  Cidade de Ferrol”, no Nacional de ponis e nos concursos territoriais, as tres competicións que se disputarán en paralelo ata o domingo 6 de agosto no Campo das Cabazas- Covas. Trátase, segundo sostén a organización, da edición de maior nivel deportivo da última década. O certame ecuestre e de lecer familiar será inaugurado oficialmente ás 12 horas polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

En Equiocio Ferrol daranse cita durante as próximas tres xornadas o mellor da hípica galega, deportistas chegados desde Comunidade Valenciana, Cataluña, Madrid (con figuras tan relevantes como Álvaro Blanco ou Rolando Ravelo), Castela e León e Asturias. Hai que engadir ademais á delegación portuguesa máis ampla e importante dos últimos anos,encabezada por Ivo Carvalho, gañador da proba raíña do certame no ano 2021.

O evento contará ademais cuns 40 xinetes/amazonas mozos no Concurso de Ponis, nas súas distintas categorías, valedoiro para a Copa de Campeones. E, como é habitual, non faltará a canteira galega, que participará nas distintas categorías dos concursos territoriais de salto.

Cabe destacar a gran presenza feminina no certame. Do total de deportistas en competición, o 62 % serán amazonas. As mulleres dominarán numericamente todas as probas ata as de 1,20 metros de altura. Un feito que vén constatar que a hípica é un dos deportes máis igualitarios.

Finalmente, hai que lembrar que, co ánimo de contribuír ao benestar animal, reducindo o estrés, e optimizar a loxística e a seguridade, na presente edición limitouse o número máximo de cabalos en competición, pasando dos preto de 290 do pasado ano a un total de 250, unha cota que se completou.

Equiocio Ferrol conta como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrela Galicia e Gadis. Ademais, colaboran no desenvolvemento das competicións Deporte Galego, Federación Hípica Galega, J. Rilo e a Comunidade de Montes Veciñais de Covas e Esmelle.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *