Equiocio Ferrol incide no seu arranque no compromiso ambiental e o benestar animal

O tempo axudou, e Equiocio Ferrol 2023 arrincou cunha animada tarde de lecer familiar. Unha primeira toma de contacto coa programación do evento, que foi toda unha declaración de intencións. Cobran protagonismo as actividades sostibles, consolídase a oferta de deporte na natureza e ponse o acento no benestar animal. A inauguración oficial, a cargo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, terá lugar este venres ao mediodía.

Durante as primeiras horas do evento, o público tivo ocasión de descubrir algunhas das novidades do certame. É o caso do Ecomarket, un mercado que agrupa a un total de oito asinas sostibles e de proximidade, con exhibición e venda de moda, complementos e decoración (Slowbasic, Offconnection, Livegens, Nalu, Das Crebas A Barroteka; Ringana e Rocigarcía).A iniciativa “ecofriendly” busca promover a sustentabilidade, un dos obxectivos do certame.

Esta aposta por crear conciencia ambiental viuse reforzada desde o minuto uno coa presenza dun punto informativo de Ecoembes, orientado a fomentar entre os visitantes a redución de residuos e a reciclaxe.

Non faltaron tampouco citas habituais na xornada inicial como a xincana de BTT, organizada co Club de btt Valle de Esmelle e Ciclos Roca, e a ruta á tardiña, na que se apuntaron na presente edición uns 120 ciclistas de todas as idades, que realizarán un percorrido cicloturístico por terras de Covas e Esmelle.

A outra aposta veterana tiña que ver cos animais. O tradicional Festival de Mascotas volveu para pór en valor a achega dos animais de compañía ás familias e fomentar o seu coidado. Precisamente, este tema centrará durante os próximos días os talleres que impartirán profesionais da Peluquería canina da Malata (venres e sábado, de 18 a 20 h; domingo, de 12 a 14 horas).

Inauguración oficial

A programación intensifícase a partir de mañá co inicio da competición hípica. Ás 12 horas, terá lugar a inauguración oficial de Equiocio Ferrol, a cargo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. E durante toda a xornada multiplicaranse as actividades paralelas: obradoiros de horto, de cerámica, de reciclaxe creativa, exhibicións de baloncesto en cadeira de rodas, sonoterapia ou o concerto nocturno de Los Alcántara. 

Por último, este venres están programadas as primeiras degustacións gratuítas de “Galicia sabe a mar”, destinadas a promocionar os produtos do mar de Galicia. Ás 13.30 horas, serviranse elaboracións que terán como produto principal as zamburiñas e navallas. Na prevista para as 18 horas, o produto principal serán as algas. Para participar cómpre anotarse previamente na carpa da Consellería do Mar.

Equiocio Ferrol conta no seu XXXII edición co patrocinio, entre outros, do Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Gadis e Estrella Galicia.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *