Mañá venres, desde primeira hora da mañá, arrincan as competicións hípicas de Equiocio Ferrol 2023. Un total de 250 cabalos e outros tantos xinetes e amazonas tomarán parte no “Concurso Nacional de Saltos*** Cidade de Ferrol”, no Nacional de ponis e nos concursos territoriais, as tres competicións que se disputarán en paralelo ata o domingo 6 de agosto no Campo das Cabazas- Covas. Trátase, segundo sostén a organización, da edición de maior nivel deportivo da última década. O certame ecuestre e de lecer familiar será inaugurado oficialmente ás 12 horas polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
En Equiocio Ferrol daranse cita durante as próximas tres xornadas o mellor da hípica galega, deportistas chegados desde Comunidade Valenciana, Cataluña, Madrid (con figuras tan relevantes como Álvaro Blanco ou Rolando Ravelo), Castela e León e Asturias. Hai que engadir ademais á delegación portuguesa máis ampla e importante dos últimos anos,encabezada por Ivo Carvalho, gañador da proba raíña do certame no ano 2021.
O evento contará ademais cuns 40 xinetes/amazonas mozos no Concurso de Ponis, nas súas distintas categorías, valedoiro para a Copa de Campeones. E, como é habitual, non faltará a canteira galega, que participará nas distintas categorías dos concursos territoriais de salto.
Cabe destacar a gran presenza feminina no certame. Do total de deportistas en competición, o 62 % serán amazonas. As mulleres dominarán numericamente todas as probas ata as de 1,20 metros de altura. Un feito que vén constatar que a hípica é un dos deportes máis igualitarios.
Finalmente, hai que lembrar que, co ánimo de contribuír ao benestar animal, reducindo o estrés, e optimizar a loxística e a seguridade, na presente edición limitouse o número máximo de cabalos en competición, pasando dos preto de 290 do pasado ano a un total de 250, unha cota que se completou.
Equiocio Ferrol conta como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrela Galicia e Gadis. Ademais, colaboran no desenvolvemento das competicións Deporte Galego, Federación Hípica Galega, J. Rilo e a Comunidade de Montes Veciñais de Covas e Esmelle.