O presidente da Xunta destaca o tirón turístico de Equiocio Ferrol: “un evento que marca a diferencia en Galicia”

Coa competición hípica en marcha, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, acompañado do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e o presidente do comité organizador, Ricardo Pérez Lama, inauguraba oficialmente este mediodía Equiocio Ferrol, unha proba hípica e de lecer familiar que, na súa 32 edición, reforza a súa vertente social e a súa aposta pola sostibilidade, e ábrese ao campo cultural. O certame, tal e como destacou o responsable do goberno autonómico, é un deses eventos galegos que marcan a diferenza en Galicia.

Durante o acto, o presidente do comité organizador definía o evento como un referente no campo deportivo, subliñando ademais a evolución experimentada nos seus últimos anos. Ademais, Pérez Lama referiuse á limitación do número de cabalos, ata alcanzar a cota de 250, buscando así mellorar o benestar animal, reducir o estrés dos cabalos, e optimizar a loxística. Finalmente, subliñou o feito de que nas probas hípicas compiten en pé de igualdade amazonas e xinetes.

Ante un auditorio no que estaban presentes o director de Turismo de Galicia; o presidente de Sogama; alcaldes como o de Valdoviño, Ortigueira e Ares, concelleiros de toda a comarca; e representantes de asociacións sociosanitarias e culturais de Ferrolterra; o rexedor ferrolán destacou a importancia do certame para Ferrol e para Galicia. “Equiocio ten que ser unha grande oportunidade de futuro para a nosa cidade, e para que sigamos soñando xuntos”, sostivo Rey Varela, quen puxo esta cita como exemplo das “grandes cousas” que en Ferrol “somos capaces de facer cando nos unimos”.

Por último, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que visitaba por primeira vez o evento, insistiu na importancia desde o punto de vista turístico para Galicia “de eventos que marcan a diferenza” como Equiocio Ferrol, e subliñou o compromiso do goberno galego para que o certame, que se celebra en Covas ata o domingo 6 de agosto, siga sendo un éxito.

Tras a quenda de intervencións, o responsable da administración autonómica, acompañado do resto de autoridades, facía un percorrido polas instalacións do certame, e procedía á entrega do “Trofeo Xunta de Galicia”.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *