Equiocio Ferrrol volve aliarse coa Sociedade Cultural Columba na promoción do territorio e impulsa unha nova saída do programa “En Ruta con Equiocio”. Nesta ocasión, propoñen a Volta ao Cabo Prior, un enclave de interese xeolóxico e ambiental que, no seu día, foi estratéxico dende o punto de vista militar.
A visita guiada celebrarase este sábado 14 de xullo, con participación libre e gratuíta, como vén sendo habitual. O presidente de Columba, José Manuel López Hermida, todo un experto na materia, será o encargado de guiar o itinerario polas baterías de costa que hai na zona -hoxe en ruínas-, descubrindo o papel que xogaron, especialmente tras o inicio da Segunda Guerra Mundial, na defensa da base naval de Ferrol-A Coruña.
O itinerario, duns 10 km, presenta unha dificultade media-baixa, e a saída terá lugar ás 10:30 horas das inmediacións do Bar Horizonte, en Covas, co que as persoas interesadas en tomar parte deberán presentarse con 15 minutos de antelación. Está aberta a nenos e nenas e persoas maiores, aínda que os menores deberán ir necesariamente acompañados dunha persoa adulta.
A actividade forma parte do calendario previo de accións do certame, que regresará en agosto co apoio do Concello de Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e grandes firmas como Gadis e Estrella Galicia.