Equiocio Ferrol 2024 por fin ten cartel oficial. A pintora ferrolá Carla Villaamil é a autora da obra que a organización utilizará para a promoción do certame hípico e de lecer familiar, que se desenvolverá en Covas do 1 ao 4 de agosto. Un equino (símbolo de liberdade e de nobreza) e o mar emerxen como protagonistas da proposta.
A artista ferrolá, habitual do evento dende hai décadas, dada a paixón polo mundo ecuestre primeiro da súa filla e agora da súa neta, toma a testemuña de Eduardo Hermida, quen asinaba o cartel da pasada edición. E con ela, Equiocio Ferrol dá continuidade a súa aposta por poñer en valor o traballo de pintores da cidade.
Na obra de Villaamil, titulada “Binomio”, son protagonistas a egua branca da familia, coa que comezou a competir a súa filla, e unha onda da costa de Ferrol, mostrando así a conexión do certame coa contorna natural na que se desenvolve. De feito, o escenario natural marca cada vez máis a programación e a propia esencia do certame.
Equiocio Ferrol quece motores xa de cara a edición 2024, a número 33, na que volverá contar como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis e Estrella Galicia.