Equiocio Ferrol pon en marcha en xullo, no marco da súa oferta de propostas de actividades de lecer activo en plena natureza, un programa de rutas guiadas en ebike. A actividade brindará a oportunidade de probar unha bici eléctrica e de desfrutar, sen grandes esforzos, grazas á asistencia no pedaleo, tanto da contorna de Covas, parroquia ferrolá que acolle cada mes de agosto o evento ecuestre e de lecer familiar, como de Esmelle. Ábrese a inscrición nunha proposta, especialmente pensada para a mocidade. De feito, teñen prioridade as persoas con Carné Xove.
A actividade, organizada da man da firma ebikes Ferrol, contempla saídas nas xornadas do 3, 5 e 9 de xullo (o horario acordarase cos participantes), para grupos reducidos con guía acompañante. A presencia deste facilitará que os usuarios e usuarias poidan dedicarse só a desfrutar da ruta, sen estar pendentes do track do gps ou das marcas no camiño.
Haberá un primeiros momento de formación básica para poder gozar da experiencia de maneira correcta e segura e, deseguido, a ruta, de ao redor dunha hora de duración coas que a organización de Equiocio Ferrol dá un paso adiante na súa aposta por dar a coñecer a costa ferrolá. Os itinerarios planificados terán como punto de partida a zona de Covas.
As rutas de ebike van dirixidas de forma preferente a persoas de entre 12 e 30 anos que dispoñan do Carné Xove. Con todo, no caso de que haxa vacantes cubriranse con outras persoas interesadas. As inscricións poden realizarse xa a través do correo fplago@equiocio.es
Esta proposta de novo cuño, que combina deporte e turismo, vén a enriquecer o calendario de actividades previo a Equiocio Ferrol, que volverá en agosto co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Xunta de Galicia e grandes firmas galegas como Gadis e Estrella Galicia.