Equiocio Ferrol suma este ano bautismos de paddle surf á súa oferta de actividades de lecer previa ao certame. A iniciativa continúa a estela de accións adoptadas en edicións pasadas co obxecto de fomentar o deporte na natureza e dar a coñecer o noso territorio. Unha doble vertente deportiva e turística coa que a organización contribúe a fomentar hábitos de vida saudables e á promoción da marca Ferrolterra como destino surf.
Así, Equiocio Ferrol organizará dúas xornadas de iniciación ao paddle surf durante o mes de xullo. Terán lugar na praia do Vilar o martes 23 de xullo de 17:00 a 19:00 horas, e o martes 30, de 11:30 a 13:30 h. Coa elección das datas, próximas ao certame, a organización busca abrir tamén a iniciativa a xinetes e amazonas que adiantan a súa chegada á cidade.
Poderán tomar parte persoas a partir de 14 anos en adiante, co único requisito de saber nadar, por motivos de seguridade, e os bautismos serán gratuítos. Iso si, dado que as prazas son limitadas, Equiocio Ferrol abre hoxe o prazo de inscrición, a través do correo fplago@equiocio.es Deberase especificar nome e apelidos, data de nacemento e teléfono de contacto, e recibida a solicitude, a organización confirmará a praza. O prazo pecharase o 19 de xullo, ou unha vez se completen as prazas ofertadas, que se concederán por orde de chegada.
A iniciativa estará guiada por Asolas no Puntal. A organización confía así nunha escola da zona con máis de 15 anos de experiencia no ensino de bodyboard, surfing, longboard e paddle surf.
Unha interesante acción de Equiocio Ferrol, que volverá en agosto co apoio do Concello de Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e grandes firmas como Gadis e Estrella Galicia