Equiocio Ferrol activa con Espacio Vivo os obradoiros dixitais Eco-Maker Lab

Equiocio Ferrol aposta forte este ano polas novas tecnoloxías, e da man da firma local Espacio Vivo, arrincaba esta mañá unha completa programación de talleres baixo o lema Eco-Maker Lab. Están dirixidos a diferentes públicos, con participación gratuíta, e o obxectivo claro de fomentar o uso creativo da tecnoloxía. Desenvolveranse nas próximas semanas nas instalacións de Espacio Vivo no barrio da Magdalena, e un dos primeiros do calendario tiña lugar hoxe centrado nas “Solucións tecnolóxicas para a vida diaria”.

Contou co patrocinio da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, e nel tomaron parte preto dunha vintena de persoas integrantes de entidades do ámbito sociosanitario como Afal, Alcer, Affinor, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Cogami, Návitas e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. Así mesmo, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, realizaba unha breve visita na que reafirmaba o compromiso da Administración autonómica con este tipo de iniciativas coas que avanzar, segundo subliñou, no camiño da inclusión.

Este taller estrutúrase en dúas sesións -a segunda celebrarase a vindeira semana-, de hora e media de duración cada unha. O obxectivo é plantear solucións para solventar dificultades do día a día coa axuda da tecnoloxía, reflexionando como esta pode contribuír a facilitar as dinámicas diarias de persoas con algún tipo de discapacidade.

No día de hoxe, e de carácter máis teórico, abordáronse as aplicacións prácticas das novas tecnoloxías, nomeadamente o papel da Intelixencia Artificial. E, tras unha consulta personalizada sobre as dificultades que atopan no seu día a día as entidades sociais, Espacio Vivo buscará agora solucións creando prototipos modelados en 3D ou con Lego que, na próxima sesión, se someterán a axustes e probas finais.

Unha acción á que seguirán novos talleres, que a organización irá avanzando nas próximas semanas, e que se inclúen no calendario de actividades previo a Equiocio Ferrol, que volverá en agosto co apoio do Concello de Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e grandes firmas como Gadis e Estrella Galicia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *