Equiocio Ferrol continúa co seu calendario de actividades previo ao certame, e este venres pola mañá levaba a cabo unha acción medioambiental na contorna do Campo das Cabazas, en Covas. Seguindo a estela dos anos anteriores, entidades do ámbito sociosanitario das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal protagonizaron unha plantación de lonicera ligustrina e allysum blanco na zona máis próxima á pista de competición do certame hípico, baixo a dirección da mestra horticultora Cristina Cagiao, de Saúde Mental, Eume e Ortegal.
Na actividade participaron usuarios e usuarias, equipos e directivas de Aspanaes, Afal Ferrolterra, Asociación ASCM, Patronato Concepción Arenal, Aspaneps, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Basketmi, Espazo Návitas e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. Unha proposta coa que desfrutaron en contacto pleno coa natureza e puxeron a nosa pequena semente.

Equiocio Ferrol 2025, que este ano terá lugar do 31 de xullo ao 3 de agosto, contará co patrocinio da Xunta de Galicia, Concello de Ferrol e da Deputación da Coruña, e empresas de referencia en Galicia como Gadis e Estrella Galicia.
