Equiocio Ferrol e Patronato Concepción Arenal volven aliarse a favor da inserción sociolaboral de persoas migrantes 

Equiocio Ferrol e Patronato Concepción Arenal alíanse de novo a favor da inserción sociolaboral de persoas migrantes en risco de exclusión social, e esta mañá asinaban un novo convenio de colaboración de cara ao certame 2025, que se desenvolverá do 31 de xullo ao 3 de agosto en Covas. A directora do evento, Ana Pérez Lago, e a presidenta da asociación, Beatriz Dorrio, selaban o acordo coa súa rúbrica, e avanzaban os principais contidos, centrados en mellorar a formación do colectivo para facilitar a súa entrada no mercado de traballo.

Deste xeito, Equiocio Ferrol volverá colaborar economicamente no obradoiro de carpintería e reciclaxe que imparte a entidade, e do que sairán os ecotrofeos para o certame. Nel, mozos e mozas, e tamén persoas adultas, formaranse no eido da restauración, e darán forma ás pezas, en madeira reciclada a partir de vellos palés. Na acción, que arrincaba hai uns días, tomarán parte grupos reducidos de cinco persoas para facilitar a aprendizaxe.

Así mesmo, Equiocio Ferrol apoiará o curso de monitor/a de tempo libre da asociación, xa en marcha, e no transcurso do certame, facilitará a realización da fase práctica aos participantes. Deste xeito, e tras completar sesións específicas de formación turística sobre o Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, poñeranse de novo ao fronte dos stands dos diferentes concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, atendendo ao público e informando sobre os principais recursos, oferta de lecer, experiencias… As prácticas tamén se ampliarán ao espazo de conciliación e corresponsabilidade que Equiocio Ferrol ofrecerá no evento para familias con fillos e fillas menores de 12 anos.

No curso participan persoas de diferentes idades, con presenza maioritaria de mulleres de máis de 50 anos e especiais dificultades para acceder a un posto de traballo, sendo este un sector con expectativas.

Equiocio Ferrol volverá contar neste 2025 co apoio do Concello de Ferrol, a Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e grandes firmas galegas como Gadis e Estrella Galicia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *