Equiocio Ferrol e a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra-AXF renovan o seu convenio de colaboración, e un ano máis, o certame contará con intérpretes de lingua de signos nas diferentes actividades. A presidenta da entidade, Teresa Gallo, e a directora do certame, Ana Pérez Lago, avanzaban hoxe o acordo, coincidindo co Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. Con el, dan continuidade a unha relación de colaboración que se iniciaba en 2022, e que ao longo do tempo permitiu avanzar nun Equiocio Ferrol máis inclusivo.
Deste xeito, os servizos de intérprete de lingua de signos estarán presentes no evento tanto no calendario previo de actividades como durante o certame, eliminando barreiras de comunicación e favorecendo a participación das persoas xordas nas diferentes accións que desenvolva Equiocio Ferrol. A primeira delas, nuns días, coa celebración da primeira das propostas do calendario do programa “En ruta con Equiocio Ferrol”.
Equiocio Ferrol volverá contar neste 2025 co apoio do Concello de Ferrol, a Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e de grandes firmas galegas como Gadis e Estrella Galicia.
