Equiocio Ferrol abre inscricións no segundo percorrido do calendario de rutas guiadas pola contorna natural de Covas, escenario que acollerá o certame do 31 de xullo ao 3 de agosto. O programa “En ruta con Equiocio Ferrol” convida á cidadanía a participar nun percorrido á mina de ouro de Covarradeiras, todo un clásico na súa oferta estival. Celebrarase o sábado 5 de xullo, con saída ás 11:00 horas do Campo das Cabazas. Será o punto de partida dun itinerario circular duns 6 quilómetros de dificultade baixa. Novamente estará guiado polo presidente da Sociedade Cultural Columba, José Manuel López Hermida, que colabora desinteresadamente no proxecto.
A participación é de balde, con inscrición previa no correo equiociocomunicacion@gmail.com sinalando nome e apelidos, DNI, data de nacemento, e teléfono de contacto. Así mesmo, e froito do acordo de colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, contarase con servizo de intérprete de lingua de signos.
A ruta permitirá ás persoas participantes achegarse aos vestixios da industria aurífera en Covas, con parada obrigada na mina romana de Covarradeiras, unha explotación a ceo aberto cun modelo semellante ao das célebres Médulas, actualmente colonizada pola vexetación.
Con este programa, Equiocio Ferrol aúna deporte e turismo, promovendo o coñecemento do territorio a través da práctica de exercicio físico, na súa aposta pola promoción de hábitos de vida saudables. Incluído no calendario de accións previo ao certame, conta este ano co apoio do Concello de Ferrol, da Xunta de Galicia, e empresas de referencia como Gadis e Estrella Galicia. Colaboran ademais neste programa Turismo de Galicia e a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol.
