Conta atrás para o arranque da 31 edición de Equiocio. Máis de 250 xinetes e amazonas participarán nas competicións de salto do certame, todo un referente da hípica en Galicia que soubo reinventarse e adaptarse aos tempos. A cita ecuestre e de lecer familiar regresa do 4 ao 7 de agosto ao Campo das Cabazas-Covas, renovando o seu compromiso co Xeodestino Ferrolterra e cunha aposta como nunca pola sostibilidade, a solidariedade e a inclusión social.
O evento presentouse esta mañá no Centro Torrente Ballester, coa participación do alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; representantes de firmas patrocinadoras como Estrella Galicia, Gadis ou Coca-Cola, e tamén de Equiocio Social. Un acto ao que asistiron ademais outros representantes do mundo da política e do eido social da comarca.
COMPETICIÓN
Unha vez máis as cifras falan por si soas. Un total de 260 xinetes e 285 cabalos competirán en Equiocio nesta edición na que bateranse todos os récord de saídas á pista, (nada menos que 320 diarias, “todo un reto loxístico”), tal e como subliña o director técnico do certame, Federico Pérez-Lago. Engade ademais que neste 2022, multiplicarase a participación de deportistas procedentes do resto do país, fundamentalmente no Concurso Nacional de Saltos*** Cidade de Ferrol e no campionato nacional de ponis, aínda que tamén nas probas territoriais que se desenvolverán estes días.
Así, está previsto que aos deportistas galegos -o groso dos participantes- se sumen un nutridísimo grupo de amazonas e xinetes chegados dende Madrid, Valencia, Baleares, Castela León, Asturias, Cantabria e País Vasco. E a todos eles, tal e como apunta Pérez-Lago, unirase unha destacable comitiva de deportistas portugueses, entre os que figura o gañador da proba estrela do pasado ano, Ivo Carvalho. Firme candidato a revalidar o título.
Dúas anotacións máis no que atinxe á competición: amplíase a canteira que concursará nas probas de ponis valedoiras para a “Copa Campeones 2022”; e Equiocio será o único concurso de categoría tres estrelas do verán en Galicia, o que vén a reforzar o seu tirón deportivo.
NOVIDADES
Pero Equiocio é moito máis que hípica. En total, o programa oficial inclúe máis de 40 propostas diferentes para distintos públicos. Actividades paralelas que van dende a btt e o sendeirismo ata as charlas ou o cine. Entre as principais novidades figuran a recuperación dos concertos nocturnos – directos de Mos, Malditos Pendejos, Susana Adalid e Los Limones- e unha oferta gastronómica de auténtico luxo, da man da Consellería do Mar. Así, Equiocio contará co espazo de degustacións de “Galicia sabe Amar”, unha iniciativa da Xunta para promocionar a calidade dos peixes e dos mariscos da nosa terra.
O certame mantén firme tamén o seu empeño de converterse en escaparate de promoción do Xeodestino Ferrolterra, e contará con stands turísticos de oito municipios e da Mancomunidade de Ferrol. Puntos de información que animarán ao público a aproveitar a visita ao evento para coñecer a comarca.
Nesta liña, a directora de Turismo de Galicia puxo en valor as posibilidades que ofrece Equiocio de “desfrutar do deporte en contacto coa natureza e o seu potencial para facer destino”. Tamén agradeceu o esforzo realizado para divulgar o Camiño Inglés. Pola súa banda, o alcalde de Ferrol definiu o certame como “un referente óptimo para poñer en valor o patrimonio e a paisaxe, e colaborar na dinamización do rural”. Acto seguido, sinalaba que, ademáis dunha magnífica proba cabalar “Equiocio é compromiso coa sociedade, co patrimonio e co medio ambiente.
CREAR CONCIENCIA
De feito, o terceiro piar da programación terá que ver coa sostibilidade e o compromiso social. A protección e limpeza da contorna, a redución dos refugallos ou a potenciación da reciclaxe con obradoiros creativos reforzarán o carácter respectuoso da cita co medio natural. E, en paralelo, baixo o paraugas de Equiocio Social, que agrupa a 22 entidades sociosanitarias e culturais, o certame aspira a fomentar de portas cara a dentro e de portas cara a fóra a inclusión social e valores como a igualdade e a solidariedade. “Somos unha plataforma de consciencia, sostibilidade e igualdade”, apuntaba no acto a representante das entidades, Beatriz Dorrio. E algunhas destas asociacións terán presencia activa con obradoiros para achegar ao público visitante o seu traballo.
Federico Pérez Lago mostrouse convencido de que Equiocio recuperará en 2022 niveis de asistencia semellantes aos de antes da chegada da covid e quixo agradecer o apoio permanente das administracións e empresas patrocinadoras que se mantiveron fieis ao certame, e confiaron na organización aínda nos momentos máis duros da pandemia.
En nome de Gadis, tomou a palabra o seu conselleiro, José Carlos Díaz Arnau, quen puxo a Equiocio como exemplo dos froitos que aporta a colaboración público-privada. Goretti Castro, manager de Cultura e Proximidade de Hijos de Rivera incidiu no compromiso de Estrella Galicia por un evento que “vai máis alá do deportivo e conta cunha clara vocación de axudar aos demais”. Finalmente, Gema Domínguez, xestora de Comunicación de Coca-Cola destacou a aposta pola sostibilidade do Equiocio, que concluirá cunha acción de voluntariado con formación e limpeza do escenario no que se desenvolverán as competicións.