Equiocio Social, Asociación Chelonia e Coca-Cola, a través da súa iniciativa Mares Circulares, organizarán o xoves 11 de agosto unha xornada formativa e de limpeza de residuos no Campo das Cabazas-Covas, en Ferrol, aberta á participación da cidadanía. Unha acción de posta en valor dos terreos que, nos días previos, acollerán o certame hípico.
Levarase a cabo coa colaboración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, que cederá o espazo físico onde se inicie a actividade: o Faro de Cabo Prior. Alí, a partir das 9:30 horas, impartirase a formación ás persoas voluntarias que participen. De seguido, a xornada trasladarase ao Campo das Cabazas para realizar a limpeza, ata as 13:30 horas. A organización detallará a tipoloxía e peso dos residuos recollidos co obxectivo de realizar un seguemento e concienciar á sociedade sobre a necesidade de implicarse na reciclaxe.
A inscrición na acción está aberta a través da web da Asociación Chelonia, neste formulario e debe cubrirse antes do 5 de agosto.