O Festival de Mascotas de Equiocio, todo un clásico xa no certame hípico, inaugurará a programación de actividades o xoves 4 de agosto no campo das Cabazas-Covas Ferrol. Coa vista posta na súa celebración, a organización abre xa o prazo de inscrición na cita, patrocinada por Hill´s, coa que se busca fomentar o coidado das mascotas e poñer en valor a súa aportación á convivencia.
Serán os seus orgullosos propietarios os encargados de presentalos ao público asistente, abordando o vínculo que os une, os beneficios que conleva a súa presenza no ámbito familiar ou a súa propia historia. Todas as mascotas recibirán un agasallo, e o xurado outorgará 3 premios especiais a aquelas que presenten cualidades excepcionais, por ser exemplo de superación, de interacción coa familia, ou pola xenerosidade e adicación destas para coas súas mascotas. En definitiva, premiarase o aspecto emocional fronte a raza, pedigrí ou beleza.
O xurado estará integrado pola delegada de Hill´s, Laura Cogollos; unha representante da Protectora Arco da Vella; a veterinaria Montse Fernández, e Beatriz Capón, de Peluquería canina A Malata.
As bases do certame poden consultarse na web municipal, así como descargarse o boletín de inscrición, que deberán enviar ao correo electrónico equiociocomunicacion@gmail.com. Así mesmo, tamén será posible anotarse no propio certame, dende media hora antes do inicio do festival (previsto para as 18:00 h) sempre e cando queden prazas libres.
Os animais deberán presentar un bo estado de saúde e estar debidamente coidados. No caso de especies exóticas, terá que acreditarse a súa propiedade e situación legal.
Equiocio conta na súa XXXI edición co patrocinio, entre outros, da Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación provincial da Coruña, Gadis e Estrella Galicia