Equiocio impulsa “Sons da Terra”, un ciclo de concertos liderado por grupos con selo local

Equiocio Consciente Mar e Terra recupera na súa edición 2022, que terá lugar do 4 ao 7 de agosto en Covas (Ferrol), a música como ingrediente importante da súa oferta de lecer. A organización programa varias noites de concertos, agrupadas baixo o título de “Sons da Terra Estrella Galicia-Xacobeo 2022”, cun cartel protagonizado en exclusiva por bandas locais. Non faltan algunhas tan coñecidas como Los Limones.

Tras unha paréntese de dous anos, motivada polas restricións derivadas da pandemia, a música volve facerse oco na programación do certame ecuestre e de lecer familiar. E faino cunha oferta de directos con marcado sabor local. Unha aposta polos músicos e bandas de Ferrolterra, que busca mostrar ao público a variedade e calidade existente na zona.

Así, Equiocio incluirá concertos as noites do venres 5 e o sábado 6 de agosto, a partir das 21.30 horas. A primeira xornada terá como protagonistas a Carlos Mosquera “Mos” e máis a Malditos Pendejos. Dous nomes xa consolidados no panorama musical galego.

O actor e compositor naronés Mos abrirá a velada musical co seu particular estilo, con influencias do folk rock americano, o country, o funki ou o pop, interpretando temas dos seus álbums “De paso” e “Contracorriente”. Tras el, os sons máis rockeiros apropiaranse do escenario. O contundente directo de Malditos Pendejos pechará a noite ao grande con cancións como as recollidas en «El puto Rock & Roll» e en “Revivir” os seus dous discos.

O cartel do sábado trae a Susana Adalid, unha voz espectacular, curtida facendo versións de clásicos do rock e pop de todos os tempos, que actualmente forma parte dun dúo tributo a The Cranberries. E Los Limones, referencia do pop rock dos 90 e a piques de cumprir 40 anos nos escenarios, farán repaso do seu extenso repertorio. Non faltará o mítico “Ferrol”, todo un himno dos de Santi Santos que non entende de idades, nin as cancións do seu máis recente traballo “La niña bonita”.

A música de “Sons da Terra Estrella GaliciaXacobeo 2022”  permitirá prolongar a actividade en As Cabazas ata primeiras horas da madrugada, facendo viable o plan cea-concerto, unha vez finalizada a competición hípica, sen moverse do recinto de Equiocio Mar e Terra. A entrada será libre e gratuíta.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *