Gadis patrocinará PequeOcio, epicentro das actividades infantís en Equiocio

Gadis volverá un ano máis reforzar o carácter familiar de Equiocio e a súa aposta pola sostibilidade. A firma de distribución de alimentación galega continuará neste 2022 como un dos principais  patrocinadores do certame hípico, ofrecendo unha morea de actividades ideadas para o desfrute dos máis pequenos e pequenas da casa en plena natureza.  Será a través de PequeOcio, epicentro da diversión infantil en Equiocio. 

O delegado de área e conselleiro de Gadisa, José Carlos Díaz Arnau, e a directora de Equiocio, Ana Pérez-Lago, subscribían esta mañá no edificio do Antigo Hospicio de Ferrol o convenio que actualiza a tradicional colaboración entre a firma e o evento. Un acto no que participaba tamén o director de  Comunicación da empresa, José Luis Fernández Astray; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o alcalde en funcións do Concello de Ferrol, Antonio Golpe Díaz. 

Segundo contempla o acordo, a XXXI edición de Equiocio, que se desenvolverá no campo das Cabazas (Covas-Ferrol) entre o 4 e o 7 de agosto,  PequeOcio será o epicentro da actividade infantil do evento, con propostas destinadas a potenciar o contacto dos nenos e das nenas coa natureza e a recuperar xogos tradicionais. 

Así, a partir do venres 5 de agosto pola mañá, regresarán os obradoiros “Da  leira á cociña”, prato central do espazo de horta, e destinados a espertar nos menores o interese polo mundo das plantas. Así, en cada obradoiro, ademais de aprender a diferenciar distintas especies –moitas utilizadas en cociña- descubrirán cales se darían mellor en Ferrolterra, e coñecerán o proceso de plantación. Ademais, as hortos tamén se abrirán este ano á participación das entidades do eido sociosanitario de Equiocio Social,  converténdose en ferramenta terapéutica para os seus usuarios e usuarias. 

En paralelo, de forma permanente, poderá desfrutarse de xogos de toda a vida, como o futbolín ou as damas, fabricados de forma artesanal en madeira, e segundo vaia xurdindo a demanda, ofertaranse obradoiros de creatividade e de reciclaxe. 

Completarán as actividades impulsadas por Gadis na presente edición de Equiocio, unha sesión de cine nocturno ao aire libre. Nesta ocasión, proxectarase o filme “Valentina”, da cineasta ferrolá Chelo Loureiro, Premio Goya á mellor película de animación este ano. Será o xoves 4 de agosto, a partir das 22 horas, con participación gratuíta e entrada libre. 

En representación de Equiocio, Ana Pérez Lago agradecía o apoio incondicional que dende hai 22 anos presta Gadis ao certame: “Equiocio no sería o que é sen Gadis”, subliñou. Pola súa banda, José Luis Fernández Astray reafirmou o compromiso da firma co evento, “un referente en Ferrolterra e un exemplo de compromiso co territorio”. “Unha cita de lecer familiar que comparte con Gadis valores como a súa aposta pola sostibilidade, a solidariedade ou o deporte”, engadiu, para agradecer tamén o apoio de institucións como  Xunta e Concello de Ferrol. 

Pola súa banda, Martina Aneiros celebrou a colaboración entre unha empresa con ADN galego, de referencia no sector como é Gadis, cun evento como Equiocio, “un dos mellores escaparates da comarca nestas datas”.  Subliñou que se xa nacía como un referente no mundo da hípica, ao longo destes anos, e hoxe en día, derrubou barreiras e se postula como un espazo tamén de referencia no ámbito social, turístico e medio ambiental. 

Por último, Antonio Golpe asegurou que Equiocio reedita o seu compromiso coa cidade, poñendo en valor unha organización que fixo posible su celebración durante os últimos 30 anos. Destacou tamén o compromiso de Gadis con Ferrol, moi especialmente no deporte e na cultura, “un exemplo a seguir no ámbito empresarial”, e concluíu animando á cidadanía a desfrutar un ano máis de Equiocio. 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *