Equiocio Social converte o Camiño Inglés en espazo de convivencia entre as entidades sociais

Tras un aprazamento forzado pola climatoloxía, finalmente este sábado 9 de xullo levouse a cabo “Equiocio Social no Camiño”. Preto de medio centenar de persoas pertencentes a algunhas das entidades do ámbito sociosanitario que integran Equiocio Social iniciaban a ruta xacobea. Trala foto de familia, partían ás 11 h do quilómetro 0, o peirao de Curuxeiras en Ferrol. Arrancaban esta especial peregrinaxe usuarios e usuarias, familias, directivas, traballadores/as e socios/as de ASCM, Affinor, AFAL Ferrolterra, Asociación Española contra o Cancro (AECC), Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Patronato Concepción Arenal e Mitrata Nepal España.

Con esta iniciativa, e coa vista posta no Ano Santo, Equiocio Social buscaba simbolizar ese vínculo entre asociacións, que traballan unidas no seu día a día, favorecendo sinerxias, e dando visibilidade a esa unión. En todo caso, converteuse nunha xornada de convivencia, intercambio de experiencias e compañeirismo.

Así, dende Ferrol, a delegación alcanzou o municipio veciño de Narón, ata o Mosteiro do Couto, outro dos puntos destacados da peregrinaxe na nosa comarca, cubrindo deste xeito parte da primeira etapa do Camiño Inglés. Alí eran recibidos/as polo concelleiro de Deportes de Narón, José Oreona, que poñía en valor a iniciativa. Dende Equiocio Social agradecían o xesto, así como a colaboración do Concello, a través da Agrupación Local de Protección Civil, que supervisou o itinerario.

Equiocio 2022 conta co respaldo, entre os seus principais patrocinadores, do Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Gadis e Estrella Galicia.