Equiocio pon en marcha un novo programa de lecer inclusivo co cabalo como protagonista e cos usuarios e usuarias de diferentes entidades do ámbito sociosanitario como destinatarios/as. Entre elas, AFAL Ferrolterra, Affinor, ASCM, Asotrame, Aspanaes e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. O obxectivo é proporcionarlles unha actividade motivadora e de disfrute ligada ao cabalo, demostrando que a discapacidade non ten porque
limitar as súas opcións de ocio, xa que, coas axudas necesarias, son quen de realizar calquera proposta.
Así, Equiocio propón unhas xornadas nas que as persoas participantes entrarán en contacto co cabalo. Celebraranse no antigo centro La Finca, en Mandiá, e o calendario arranca o luns 4 de xullo ás 10:00 h cos usuarios e usuarias de ASCM. Así, todos eles e elas comezarán a actividade coñecendo máis sobre o cabalo e os seus coidados, practicando algúns deles como o cepillado de crinas. Despois, poderán pasear xunto a eles polas amplas zonas verdes das instalacións. E, finalmente, se se animan, poderán montar nun circuito adaptado.
Mercedes Fernández, técnica deportiva de hípica e cunha dilatada experiencia guiando este tipo de actividades para persoas con diferentes capacidades, será a encargada de dirixir as actividades e lograr que as persoas participantes as desfruten ao máximo. E, para iso, hai semanas iniciaba un traballo previo no que
recababa toda a información posible sobre os seus futuros “alumnos” e “alumnas”. Información que serviu de base para deseñar as accións personalizadas que mañá arrancan en Mandiá.
Un calendario que, tras o paso de ASCM, continuará o 5 de xullo con Saúde Mental Ferrolterra, Eume e Ortegal, o 6 de xullo con Aspanaes, o 8 de xullo con Affinor e Asotrame e, finalmente, Afal Ferrolterra, o luns 11. Un programa de ocio integrador que conta co apoio da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social.