Sogama estará en Equiocio co patrocinio do ciclo de obradoiros “Reciclaxe creativa”

Sogama, que veu colaborando con Equiocio durante os últimos anos, estará presente na nova edición 2022, que se celebrará entre os días 4 e 7 do próximo mes de agosto, e farao a través do patrocinio do programa “Reciclaxe Creativa”, que aglutinará unha serie de talleres a desenvolver baixo a dirección e coordinación de Mariola López, enxeñeira naval e océanica, ademais de responsable de firma Onda Nosa.

Os talleres estrutúranse en tres partes. Coa primeira preténdese trasladar aos participantes a importancia de reducir o exacerbado consumo de recursos naturais, que son finitos, así como a necesidade de minimizar a xeración de residuos en orixe. Para iso traballarase nun escenario local e próximo á cidadanía, a fin de que esta adopte e interiorice as boas prácticas ambientais orientadas a diminuír a súa pegada ecolóxica.

A segunda parte, que terá un carácter dinámico, contempla a creación de obras de arte a partir de refugallos retirados na contorna de Ferrol, tanto do ámbito terrestre como marítimo. A pretensión é poñelos en valor mediante a elaboración de pezas estéticas e, se é posible, funcionais, fomentando con iso a creatividade e enxeño dos participantes.

Xa na terceira parte, contémplase a creación dun mural colectivo a partir dos materiais que non se utilizaron na fase anterior e que deberá reproducir a silueta dalgún lugar emblemático de Ferrolterra.

Levaranse a cabo dous talleres diarios: un dirixido ao público infantil, cun límite de 15 prazas, e outro orientado a persoas adultas con distintas capacidades e limitado 20 prazas. Para todos eles haberá sorpresas e agasallos.

A pretensión última de “Reciclaxe Creativa”, impulsado por Sogama, é precisamente empoderar aos participantes e inculcarlles un papel activo e relevante nas políticas de conservación do medio ambiente, promovendo a súa colaboración coa Administración, así como con outras entidades, tanto públicas como privadas, comprometidas co benestar e calidade de vida da poboación, así como coa economía circular.

UN EVENTO 100% SOSTIBLE
Equiocio Consciente Mar e Terra non só se configura como unha competición hípica de alto nivel, sendo xa todo un referente en España e atractivo para moitos deportistas de países veciños, senón tamén como punto de lecer e encontro reforzado cun ambicioso cartel de actividades adaptadas a todas as idades. A sustentabilidade impregnará de novo unha cita ineludible que implicará ao conxunto da poboación, dado o seu carácter inclusivo, promovendo a reflexión da cidadanía en torno ao papel, tanto individual como colectivo, que deben desempeñar na protección do medio ambiente e, máis concretamente, na conservación do ámbito mariño, seriamente ameazado pola actividade humana.