O Carné Xove, da Xunta de Galicia, permitirá este ano participar nunha morea de actividades en Equiocio deseñadas para os mozos e mozas, acceder a vantaxes exclusivas e desfrutar de agasallos e premios. Do 4 ao 7 de agosto, a programación Xove de Equiocio, apoiada pola Consellería de Política Social e Xuventude, incluirá bautismos de surf, obradoiros de reciclaxe creativa e cursos de perruquería canina. Todas as actividades serán gratuítas, e os rapaces e rapazas tan só terán que presentar o Carné Xove para participar nas mesmas.
Os bautismos de surf levaranse a cabo na praia de Esmelle, guiados por Ferrol Surf School, e permitirán aos mozos e mozas iniciarse nesta práctica deportiva que ten en Ferrolterra o escenario perfecto. Celebraranse o xoves 4, venres 5 e sábado 6 de agosto, en horario de 18:00 a 20:00 h. As prazas son limitadas, polo que se require de inscrición previa a través do correo secretaria@equiocio.es.
Os obradoiros de reciclaxe creativa serán impartidos por Mariola López, responsable da firma local Onda Nosa, e con eles búscase involucrar aos máis novos e novas na recollida de lixo mariño na contorna e ofrecerlle unha segunda vida a través do proceso creativo. Neste caso, non será preciso inscribirse previamente, e bastará achegarse uns minutos antes dos horarios previstos: o xoves 4, venres 5, sábado 6 de agosto ás 19:00 horas e o domingo 7 de agosto ás 17:00 h.
Así mesmo, nos cursos de perruquería canina, animarase aos mozos e mozas a acudir coas súas mascotas e aprender técnicas de peiteado e coidados do animal. Terán lugar o xoves 4 de agosto ás 18:30 h; o venres 5 de agosto ás 10:00 e 16:00 h; o sábado 6 de agosto ás 10:00 e 13:30 h, e o domingo 7 de agosto ás 10:00 e 16:00 h. Neste caso, tampouco é preciso inscrición previa.
A maiores, o Carné Xove tamén dará acceso a descontos do 20% en clases de iniciación á hípica. Celebraranse durante os meses de xullo e agosto, no club hípico Los Gavilanes, en Covas. Para beneficiarse desta iniciativa, é preciso solicitala a través do correo secretaria@equiocio.es e a partir de aí concretarase calendario e horarios.
Así mesmo, o Carné Xove contará cun espazo propio no certame, de modo que os mozos e mozas que participen nas actividades e acrediten a súa titularidade recibirán agasallos seguros como camisetas, e entrarán a formar parte dun sorteo dunha bicicleta valorada en 400 euros patrocinada pola firma Bicis Roca.
Finalmente, a presentación deste carné, expedido pola Xunta de Galicia, tamén dará preferencia na participación de determinadas actividades como circuitos guiados en bicicleta eléctrica pola senda das cabazas. Unha programación que conta co respaldo da Dirección Xeral de Xuventude.