Preto de medio centenar de persoas tomaban parte esta mañá no terceiro e último itinerario do programa «En Ruta con Equiocio 2023». Guiados pola Sociedade Cultural Columba, percorrían a franxa litoral comprendida entre as praias de San Xurxo e Doniños, achegándose ao asentamento castrexo costeiro máis grande de Ferrol. Un proxecto co que divulgar a extraordinaria contorna litoral da cidade naval, escenario inmediato de celebración do certame no mes de agosto, que neste ano alcanzaba a súa cuarta edición. Ao mesmo, e dende o mes de abril, sumábanse máis de 220 persoas, así como entidades de Equiocio Social como Affinor, Afal Ferrolterra, Aspanaes, Patronato Concepción Arenal ou a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra.
Equiocio conta neste 2023 co apoio de administracións como o Concello de Ferrol, a Deputación provincial da Coruña e a Xunta de Galicia, así como de firmas senlleiras como Gadis e Estrella Galicia.