Coa confianza de reeditar o éxito de participación dos itinerarios precedentes, Equiocio abre inscricións nunha nova proposta do programa “En Ruta con Equiocio”. A Ruta ao Castro de Lobadiz celebrarase o sábado 3 de xuño, con saída ás 10:30 horas das inmediacións do restaurante Casa Claudina, na praia de San Xurxo. Estará novamente guiada polo presidente da Sociedade Cultural Columba, José Manuel López Hermida, e a participación é completamente gratuíta.
Con prazas limitadas, é preciso anotarse enviando un correo a equiociocomunicacion@gmail.com sinalando nome e apelidos, data de nacemento, DNI e teléfono de contacto. No caso de menores de idade, deberán ir acompañados dunha persoa adulta.
A Ruta ao castro de Lobadiz levará aos camiñantes a pasear polo litoral comprendido entre as praias de Doniños e San Xurxo, fronte ás illas Gabeiras. Un espazo costeiro, incluído como os anteriores na rede Natura, que conxuga interese ambiental e arqueolóxico. De feito, nel se atopa o asentamento castrexo costeiro máis grande de Ferrol, con estruturas apreciables a simple vista. Un ben que permanece esquecido. Serán uns 7 km de traxecto de dificultade baixa.
O certame volve a contar neste 2023 co patrocinio do Concello de Ferrol, da Deputación provincial da Coruña e da Xunta de Galicia, así como de Gadis e Estrella Galicia.