Por segundo ano consecutivo, algunhas das preto de vinte asociacións do ámbito sociosanitario que integran Equiocio Social uníronse ao redor do Camiño Inglés, e completaron un treito da primeira etapa da ruta xacobea. Usuarios e usuarias, traballadores e traballadoras, directivas e voluntarios e voluntarias de Affinor, Afal Ferrolterra, Aspanaes ASCM, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Patronato Concepción Arenal e Mitrata Nepal España participaban esta mañá na iniciativa. O peirao de Curuxeiras, km 0 da ruta, convertíase así de novo en punto de saída da expedición, que marchou baixo o lema “Equiocio Social no Camiño”.
Unha iniciativa coa que Equiocio Social busca simbolizar ese vínculo entre asociacións, que traballan unidas no seu día a día, favorecendo sinerxias, e dando visibilidade a esa unión. En todo caso, eses quilómetros de camiñada convertéronse nunha xornada de auténtica convivencia, intercambio de experiencias e compañeirismo.
Equiocio 2023 conta co respaldo, entre os seus principais patrocinadores, do Concello de Ferrol, Deputación provincial da Coruña, Xunta de Galicia, Gadis e Estrella Galicia.