Coa conta atrás activada para o arranque este xoves de Equiocio Ferrol, esta maña presentábase a 32 edición do certame hípico e de lecer. Unha entrega que promete ser a mellor da última década dende o punto de vista deportivo. A cita, que se desenvolverá do 3 ao 6 de agosto en Covas, limita o número de cabalos, nunha aposta por garantir ao máximo o benestar animal; reforza o compromiso coa sostibilidade e co social e, como novidade, ábrese ao ámbito cultural con selo ferrolá.
O evento, cuxo comité organizador preside Ricardo Pérez Lama, presentouse esta mañá no Centro Torrente Ballester, coa participación do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; a deputada provincial Rosana García, e representantes de boa parte das firmas patrocinadoras, encabezadas por Estrella Galicia e Gadis. Un acto ao que asistiron ademais colaboradores, e representantes da política, a cultura e o eido social da comarca.
HÍPICA
Equiocio Ferrol 2023 contará, segundo apuntou o director deportivo do evento, Federico Pérez Lago, co mellor Concurso Nacional de Saltos *** dende que o certame volveu a Covas. A organización, co obxectivo de optimizar a loxística e favorecer un maior benestar dos equinos, reduciu significativamente o número máximo de cabalos. Unha medida que redundará en máis espazo para os animais, menos estrés e máis seguridade. Así, desta volta tomarán as dúas pistas de competición e as dúas de adestramento un total de 250 equinos e ao redor de 220 amazonas e xinetes.
En Equiocio Ferrol haberá presenza de deportistas da Comunidade Valenciana, Cataluña, Madrid, Castela e León, Asturias e Galicia, ademais da maior e a mellor representación de Portugal dos últimos anos (nada menos que 15 xinetes de primeiro nivel). “Teremos ao mellor da hípica de Galicia, xinetes de Madrid moi destacados, e xinetes portugueses, entre os que figura Ivo Carvalho, gañador do Gran Premio Cidade de Ferrol no 2021, que sitúan ao certame no seu mellor nivel”, avanzou Pérez Lago.
Engadiu ademais que en Equiocio Ferrol volverá ser fundamental a canteira – no Concurso Nacional de Ponis, valedoiro para a Copa Campións competirán 40 rapaces/as- e, como non, o apoio á hípica galega, que se traducirá un ano máis na celebración tamén de probas territoriais.
En definitiva, en palabras da deputada provincial de Industria, Empresa, Emprego, Medio Ambiente e Reto Demográfico, Rosana García, “Equiocio volverá consolidarse como un referente no mundo da hípica a nivel internacional, cun enorme impacto turístico e tamén económico para toda a comarca de Ferrolterra”. Ademais, dará cabida na súa programación ao surf, á btt, e, por primeira vez, ao baloncesto en cadeira de rodas, da man de Basketmi.
COMPROMISO CULTURAL E SOCIAL
Aínda que, como subliñou a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o certame “soubo romper as barreiras do deporte” e evolucionou, “reforzando o seu compromiso ambiental e social, e converténdose no mellor escaparate de Ferrol e da comarca”.
Nesta liña, a directora do certame, Ana Pérez Lago, destacou a estrea de “Equiocio cultural Ferrol”, un espazo de exposición para promocionar as festas que poñen á cidade naval no mapa (Meninas de Canido e Festa das Pepitas) e pór en valor o traballo de dúas agrupacións emblemáticas como o Real Coro Toxos e Froles e a Coral Polifónica do Casino Tenis Club, que pechou a presentación interpretando o tema “Paloma mensajera”. Ambas agrupacións musicais e a rondalla Só elas engadirán pinceladas musicais ao evento.
“Falar de Equiocio é falar de Ferrol”, apuntaba o alcalde, José Manuel Rey Varela, cuxo papel a prol do certame destacaron especialmente os máximos responsables do evento. “Equiocio nos une a todos e nada hai máis importante”, sostivo o rexedor, antes de aludir á importancia que cobrou a parte social durante os últimos anos nun certame “con corazón deportivo”. No acto estaban presentes representantes de boa parte das nove entidades sociosanitarias que participan na programación de Equiocio con talleres do máis variado (reciclaxe creativa, conciliación, Punto violeta, obradoiros de bailes, zumba, exhibición de BSR…)
Finalmente, Fernando Mosquera, adxunto ao delegado da área de Ferrol de Gadis, incidía na alianza durante case un cuarto de século entre Gadis e Equiocio, referenciando valores compartidos como a sostibilidade, a promoción da vida saudable, ou a tradición. E Goretti Castro, manager de Cultura e Proximidade de Hijos de Rivera, destacaba a capacidade do certame para reconverterse, e anovar edición tras edición. En definitiva, “Equiocio non hai que contalo, hai que vivilo”, seguindo o consello da delegada da Xunta.