Equiocio Ferrol, Asociación Chelonia e Coca-Cola promoven unha xornada formativa e de limpeza ambiental no Campo das Cabazas

Coa vista posta no día despois de Equiocio Ferrol, a organización do certame, en colaboración con, Asociación Chelonia e Coca-Cola, a través da súa iniciativa “Mares Circulares”, organizará, por segundo ano consecutivo, unha xornada formativa e de limpeza de residuos no Campo das Cabazas-Covas (Ferrol). A proposta, aberta ao conxunto da cidadanía, pretende devolver á contorna natural que sirve de escenario ao evento, o seu estado actual, poñéndoo en valor.

A actividade, prevista para a xornada do xoves 10 de agosto, iniciarase ás 9.30 horas no local social da AVV Santa Comba, de Covas, cunha parte teórica, destinada a divulgar as funcións dos océanos e concienciar á sociedade da urxente necesidade de reducir o impacto humano no medio acuático. Obxectivos centrais do proxecto “Mares Circulares”.

A continuación, as persoas participantes trasladarase ao Campo das Cabazas para realizar a limpeza, ata as 13:30 horas. A organización detallará a tipoloxía e o peso dos residuos recollidos coa finalidade de realizar un seguimento, así como sensibilizar sobre a importancia de implicarse na reciclaxe. Cómpre lembrar que na edición do 2022, nesta xornada recollíanse nada menos que 205 quilos de residuos.

Equiocio Ferrol, Chelonia e Coca- Cola convidan á cidadanía a sumarse á iniciativa voluntaria, en liña coa aposta pola sostibilidade que defende o certame hípico e de lecer familiar. Para participar na actividade cómpre apuntarse, enviando un correo electrónico a secretaria@equiocio.es ata o 4 de agosto.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *