Equiocio Ferrol e o Club BTT Valle de Esmelle volven unir forzas e organizarán, un ano máis, a tradicional ruta BTT ao atardecer polas parroquias de Covas e Esmelle. Unha marcha cicloturística pensada para a familia, con dificultade baixa e un percorrido circular duns 15 kms pola contorna máis inmediata do Campo das Cabazas, escenario de Equiocio Ferrol. Como é xa tradición, desenvolverase durante a primeira xornada do certame, o xoves 1 de agosto, con saída prevista para as 20:00 horas. Será tras a celebración doutra das propostas fixas do calendario Equiocio Ferrol, a xincana BTT para nenos e nenas -un circuíto de habilidade non competitivo na pista central das Cabazas guiado polo club local-. A participación na ruta é gratuíta, pero con inscrición previa, e hoxe ábrese o prazo para reservar praza a formulario web
Conforme á filosofía do certame, esta iniciativa busca fomentar a práctica deportiva, promocionar hábitos de vida saudables e dar a coñecer o territorio. Ademais, ao deseñar o itinerario, de dúas horas de duración, dificultade baixa e punto de partida no campo de As Cabazas, procúrase facilitar a participación de ciclistas de todas as idades, desde nenos/as (sempre acompañados dunha persoa adulta) ata aqueles máis veteranos. Desde o club e Equiocio Ferrol anímase á participación e lémbrase o uso obrigatorio do casco de protección, imprescindible para tomar parte na cita.
A acción forma parte do calendario de Equiocio Ferrol, evento que se celebrará do 1 ao 4 de agosto co apoio do Concello de Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e grandes firmas como Gadis e Estrella Galicia.