Gadis convidará a nenos e a maiores a iniciar o seu propio horto en Equiocio Ferrol

Da man de Gadis, nenos e maiores poderán iniciarse no mundo da agricultura creando o seu propio horto en Equiocio Ferrol. A firma patrocinará este ano unha ampla programación de talleres medio ambientais nos que os novos e non tan novos aprenderán técnicas de cultivo e familiarizaranse con conceptos como sustibilidade e alimentación saudable. Así o avanzaban esta mañá a directora de Márketing e RSC de Gadis, Melisa Pagliaro, e a directora de Equiocio Ferrol, Ana Pérez Lago, que, acompañadas do alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela; do delegado de área de Ferrol e conselleiro da firma, José Carlos Díaz Arnau, e do concelleiro de Deportes, Ricardo Aldrey, presentaban a iniciativa. Un acto que concluía coa rúbrica do acordo entre Equiocio Ferrol e Gadis.

Os talleres buscan recuperar a conexión co rural, especialmente das novas xeracións, a través da aprendizaxe e a transmisión de coñecementos, espertando o interese de nenos e nenas por crear os seus propios hortos nas súas vivendas -xardíns, balcóns ou terrazas-, propiciando ao mesmo tempo unha relación máis sostible coa contorna e poñendo en valor o traballo dos produtores locais.

A programación desenvolverase entre o venres 2 e o domingo 4 de agosto, de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas, con grupos dun máximo de 15 participantes. Haberá tres categorías de participación: familiar (nenos/as e persoas adultas), infantil e mixtos (con persoas de diferentes idades), e os obradoiros terán unha duración de 30 minutos -coa previsión de realizar preto de 40 durante as 3 xornadas-.

Así, os monitores axudarán aos participantes para recoñecer as plantas en función do seu aproveitamento para o consumo humano, ensinándolles a trasplantar sen riscos -aire nas raíces, exceso de humidade ou secura ou falta de nutrientes, entre outros- ou mostrándolles os coidados específicos que precisan. En función do grupo, e centrándose nas súas preferencias, seleccionaranse os cultivos máis adecuados para os seus futuros hortos, ampliando información e indicacións e liquidando as súas dúbidas. Como colofón á actividade, os participantes poderán levar a súa propia planta para, así, iniciar a súa plantación en casa.

Melisa Pagliaro detallaba que Gadis prevé a repartición dun milleiro de plantas, pertencentes a 52 variedades diferentes. Un auténtico aliciente para participar na actividade que Gadis presenta como un xogo co que aprender, e moito, sobre cultivos.

En representación do evento, Ana Pérez Lago agradecía o apoio fundamental que desde hai 25 anos brinda Gadis, e reiteraba que Equiocio Ferrol non sería o que é sen a empresa, todo un referente en Galicia, ademais de agradecer o respaldo de institucións como o Concello, presente hoxe na firma.

Pola súa banda, o alcalde, José Manuel Rey, reivindicou Equiocio Ferrol como un dos eventos sinalados do calendario da cidade, construído en base á unión de esforzos. E así, unindo vontades, é como se fai cidade e como crece Equiocio Ferrol. Ademais, o rexedor agradeceu o compromiso dunha empresa galega como Gadis que, a través da súa responsabilidade social corporativa, colabora desde hai tantos anos con esta cita. Equiocio Ferrol é un evento deportivo de primeiro nivel, e organizalo esixe tesón porque, sen constancia, as cousas non crecen, concluíu.

O acto contou, ademais, coa asistencia dunha ampla representación das entidades do ámbito sociosanitario de Equiocio Social, así como de Fernando Mosquera, adxunto ao delegado de área de Ferrol de Gadis, e de Lucía Santos, coordinadora de Responsabilidade Social Corporativa da firma.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *