Equiocio Ferrol abre a inscrición para a súa ruta cicloturística e para a xincana infantil de BTT

Equiocio reafirma a súa aposta pola promoción da contorna de Covas e Esmelle como escenario para a práctica deportiva en contacto coa natureza. E así, un ano máis, deixa oco na súa programación á BTT, cunha dobre cita xa tradicional: a xincana infantil e a ruta cicloturística ao atardecer. A organización abre a inscrición para estas probas, deseñadas polo Club BTT Valle de Esmelle e Ciclos Roca.

As propostas relacionadas coa bici volverán concentrarse na xornada de apertura do certame -o xoves 3 de agosto-, que é precisamente a única que non conta con competición hípica. E así, a programación incluirá desde media tarde (as 18 horas) unha xincana infantil, dirixida a nenos de ata os 14 anos. Será unha proba de carácter non competitivo, que porá a proba a habilidade dos nenos e nenas ciclistas á hora de superar distintos circuítos de obstáculos. A única condición para participar é que saiban andar en bicicleta.

Dúas horas máis tarde, ao redor das 20 horas, arrincará a popular ruta, que permitirá aos participantes gozar, mentres pedalean, das mellores estampas da costa ferrolá mentres o sol comeza a baixar. Un horario propicio para a práctica deportiva en agosto.

O itinerario circular, duns 15 km, partirá do recinto de Equiocio Ferrol, no campo de As Cabazas-Covas, e será, como sempre, de escasa dificultade. A idea é que no percorrido poidan participar ciclistas de todas as idades desde nenos- sempre acompañados por un ou ambos os dous proxenitores- ata veteranos. Todos eles terán que levar o correspondente casco.

Inscricións

Equiocio anima ao conxunto de afeccionados á BTT de Ferrolterra a participar na iniciativa e activa as inscricións, totalmente gratuítas, a través do formulario https://forms.gle/MYpdTP45PctB4Nks5 (accesible a través da web oficial). Ademais, quen decida sumarse no último momento poderán anotarse o propio 3 de agosto nos postos de Centro BTT Valle de Esmelle e Ciclos Roca no certame.

Deste xeito, a BTT volve ser peza central na oferta deportiva de Equiocio, certame que volve contar entre os seus principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis, e Estrella Galicia

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *