Ampla participación das entidades sociosanitarias de Ferrolterra na primeira saída de «En ruta con Equiocio»

Equiocio inauguraba esta mañá o calendario do programa “En Ruta con Equiocio” co que, dende hai catro anos, busca dar a coñecer o territorio e promocionar hábitos saudables a través do exercicio físico. Un total de 72 persoas tomaban parte neste primeiro percorrido á mina de ouro de Covas. Entre eles, contouse coa presenza de integrantes das directivas e usuarios e usuarias de entidades de Equiocio Social como Aspanaes, Afal, Affinor, Patronato Concepción Arenal e Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, que en virtude do acordo con Equiocio, contou cunha intérprete de lingua de signos.

O Campo das Cabazas en Covas, escenario do evento, serviu de punto de partida á ruta. Alí agasallouse ás persoas participantes cunha mochila e unha peza de froita cortesía de Gadis e, na política de tentar contribuir á redución de plásticos, Cabreiroá aportou surtidores de auga para cantimploras e botellas.

O presidente da Sociedade Cultural Columba, José Manuel López Hermida, volveu facer de guía de excepción para este percorrido, no que ofreceu interesantes explicacións sobre os vestixios da minería de ouro en Covas. Os itinerarios continuarán en maio, coa ruta dos Xigantes.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *