Usuarios de Saúde Mental convertéronse en mestres dos obradoiros de plantación dos que sairán as flores de Equiocio

Co obxectivo de que a contorna natural das Cabazas luza como nunca do 3 ao 6 de agosto, Equiocio impulsou esta mañá, da man de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, un obradoiro práctico de viveirismo do que sairán as plantas ornamentais que adornarán este ano a contorna natural onde se celebra o certame hípico e de lecer familiar. Trátase dunha iniciativa de inclusión, á que se sumaron distintas asociacións sociosanitarias da comarca como Aspanaes, Asociación ASCM, Affinor, Afal, Aspaneps, Mitrata Nepal España e Patronato Concepción Arenal.

Os usuarios e as usuarias de Saúde Mental, apoiados pola profesora de horta e xardinería da entidade, convertéronse así en monitores desta actividade, que buscaba facer partícipes ás distintas entidades que colaboran acotío con Equiocio no proceso que vai dende o sementado ata a plantación no Campo das Cabazas.

O taller levouse a cabo na leira que Saúde Mental ten nos Vicás (Narón), na que as persoas participantes aprenderon a facer sementeiros de planta de tempada para a súa plantación en futuras edicións do certame. A segunda entrega chegará o 7 de xuño, momento en que se ensinará como pasar as plantas a unha maceta. E finalmente, o 12 de xullo realizarase a plantación no Campo das Cabazas.

Deste xeito, Equiocio aposta por reforzar o seu cariz máis social, impulsando as sinerxias con Saúde Mental, e contribuíndo a poñer o foco no labor que realiza a entidade para fomentar a inclusión laboral das persoas con enfermidades mentais das nosas comarcas, buscando ademais contribuír a que se superen os prexuízos sociais fronte ao colectivo.  

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *