Preto dunha trintena de persoas tomaron parte, nos últimos días, nos bautismos de paddle surf gratuítos organizados por Equiocio Ferrol no marco do calendario previo ao certame, que se celebrará do 1 ao 4 de agosto en Covas. Segundo explicaba esta mañá o director deportivo de Equiocio Ferrol, Federico Pérez Lago, a organización volve apostar polo deporte para contribuír á promoción do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, afondando no seu extraordinario potencial para a práctica de deportes acuáticos e divulgando a marca Costa das Ondas.
Así, Equiocio Ferrol activaba este novo proxecto en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, e durante a última semana, programaba diferentes xornadas de iniciación ao paddle surf. Recurría a unha das escolas de surf da zona, con máis de 15 anos de experiencia na formación, como é Asolas no Puntal, radicada en Valdoviño. As súas instalacións en Vilarrube acollían as sesións, que comezaban cunhas breves clases teóricas para dar paso aos espectaculares itinerarios polo cauce do río Mestas ata Porto do Cabo e pola súa desembocadura na praia de Vilarrube.
Así mesmo, o programa de bautismos tamén contou coa súa compoñente máis social, coa participación de entidades do ámbito sociosanitario como persoas usuarias e voluntarias de ASCM.
Unha interesante acción de Equiocio Ferrol, que regresa este xoves a Covas co apoio do Concello de Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e grandes firmas como Gadis e Estrella Galicia.