Equiocio Ferrol 2023 estrea cartel oficial. O certame hípico e de lecer familiar conta este ano cunha colaboración especial, a do artista ferrolán Eduardo Hermida. A alma máter das Meninas de Canido dá deste xeito un impulso á aposta por tecer lazos entre estas dúas citas imprescindibles no verán galego.
O coñecido pintor, escultor e fotógrafo aceptaba fai cuestión dunhas semanas a invitación formulada pola directora de Equiocio Ferrol, Ana Pérez Lago. E poñía o seu talento ao servizo da promoción do veterano certame, que regresará ao campo das Cabazas, en Covas (Ferrol), entre o 3 e o 6 de agosto. Un xesto que pon en valor e agradece a organización.
A ilustración realizada polo artista cede o protagonismo a un cabalo (símbolo de forza e liberdade) de rechamantes crinas rizadas. Alude pois á esencia inalterable dun evento que non deixa de evolucionar e diversificarse.

A colaboración de Eduardo Hermida xorde como resultado da estreita relación entre o festival Meninas de Canido e Equiocio Ferrol, xurdida tras o acto de irmandade, que reuniu, o pasado ano nas Cabazas a representantes das principais citas festivas e tradicións da cidade.
Ese encontro, que deu pé a un contacto máis fluído entre organizacións, propiciará a presenza testemuñal dalgunhas delas, como o propio festival de arte urbana, na próxima edición de Equiocio Ferrol. O evento volverá contar como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis e Estrella Galicia.