Equiocio e Patronato Concepción Arenal únense para mellorar as posibilidades de inserción laboral de inmigrantes en risco de exclusión

Equiocio Ferrol e Patronato Concepción Arenal volven traballar conxuntamente para mellorar as posibilidades de inserción laboral de persoas inmigrantes en risco de exclusión social e, ao tempo, afondar na liña sostible que segue o certame hípico e de lecer familiar, que se celebra en Covas do 3 ao 6 de agosto. Ambas entidades promoven o curso de carpintería do que sairán a totalidade dos “ecotrofeos” do certame, que este ano estrean deseño.

A directora de Equiocio Ferrol, Ana Pérez Lago, e a presidenta da asociación, Beatriz Dorrio, asinaban hai semanas o convenio de colaboración para activar, por terceiro ano consecutivo, esta proposta de inserción na que están a participar un total de 20 persoas.

Do obradoiro, sairán ao redor de 150 “ecotrofeos”, creados a partir de vellos palés que, deste xeito, gozarán dunha segunda vida. Desta volta, rachan coa imaxe das últimas edicións e apostan por un deseño alegórico do Camiño Inglés, que ten como gran protagonista ao cabalo.

Segundo apuntan dende o Patronato Concepción Arenal, o alumnado do curso, que se está a desenvolver nas instalacións da entidade, recibirá formación en materia de tratamento e reciclaxe de madeira e restauración de mobles antigos.

Equiocio Ferrol 2023 conta co respaldo, entre os seus principais patrocinadores, da Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis e Estrella Galicia.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *