Fomentar o consumo de produtos do noso mar volverá ser obxectivo central da oferta gastronómica de Equiocio Ferrol (Covas). O certame hípico e de lecer familiar contará, un ano máis, coas degustacións gratuítas da campaña GALICIA SABE AMAR, con profesionais de primeira orde, para difundir a calidade e variedade dos excelentes produtos marítimo-pesqueiros da nosa terra. Ante a boa acollida de edicións anteriores, a Consellería do Mar segue aumentando o número de catas.
Do 6 ao 9 de agosto o público que se achegue ao certame, que cumpre 35 anos, terá a oportunidade única de probar as receitas que prepararán en directo distintos chefs do país, empregando como principal materia prima peixes, mariscos, algas ou conservas de Galicia. Petiscos que se poderán saborear, acompañados con viños de Denominación de Orixe, nun total de dezaseis catas.
Os visitantes do evento ecuestre terán que apuntarse na aula da Consellería do Mar para participar nas distintas sesións, nas que poderá seguir a preparación das tapas e degustalas. Estas terán como materia prima central, segundo o caso, produtos adheridos ao selo de calidade de pesca artesanal “PescadeRías, de onde se non?”, como é o caso dos pescados e mariscos servidos pola Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, e pola Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, ou as algas. Ademais, poderanse probar pratos realizados con pescada do pincho de Burela, mexillón de Galicia, bonito do Norte, e tamén con conservas. As prazas son limitadas.
Chefs destacados
As catas, destinadas a difundir os beneficios nutricionais dos produtos do mar, e promover o consumo e a venda de pescado e marisco galegos, contarán co talento de cociñeiros e cociñeiras de Ferrolterra como Marcos Cabanas, do restaurante El Olivo Cocina & Bar, en Narón; Álex Martínez e Mar Lago, do restaurante Bacelo, en Ferrol; Nair González de Muelle 43 (Mugardos); e Marcos Arufe do Espazo gastronómico Remollo (Ames).
Entre as novidades, nunha das xornadas prepararase un almorzo atlántico con sabor a mar, coa colaboración de Café Aruba, e noutra un pincho de mar e café.
A programación da aula de GALICIA SABE AMAR incluirá catas o xoves ás13 horas, ás 17:30 h e ás 19:30 h; o venres, ás 11:30, 12:15, 13:30, 16:30 e 18:30 horas; o sábado, ás 12, 13:30, 16:30, 18:30 e 19:30 horas; o domingo, ás 12, 13:30 e 16:30 horas. Haberá que anotarse dende unha hora antes e, para facilitar que poida gozar da experiencia a maior cantidade de xente posible, este ano non se permitirá repetir.
