Reeditamos na xornada inaugural o “Festival de mascotas”

Volve un clásico. Na 35 edición de Equiocio Ferrol, que se celebrará do 6 ao 9 de agosto no campo das Cabazas, en Covas, non podía faltar o Festival de Mascotas. Trátase dunha iniciativa imprescindible na xornada de arranque do certame hípico e de lecer, que busca pór en valor o coidado dos animais de compañía e o seu papel como parte das familias. A organización convida ao público a achegarse ao certame coas mascotas e a compartir as súas historias.

Quen se anime a participar deberá de presentar sobre o escenario do evento ao seu animal, contando o que aporta á  contorna familiar, incidindo no vínculo existente e na propia historia da mascota. Só con iso, recibirán un agasallo, xentileza de Hill’s, firma de alimentación para cans e gatos, que patrocina esta iniciativa.

O festival, presentado por Esther Guimaré, busca dalgún modo contribuír ademais ao fomento das adopcións responsables, apuntando os beneficios que reporta a grandes e pequenos compartir a vida cunha mascota, sen obviar, claro está, os compromisos que a decisión leva aparellados.

Un xurado, conformado por representantes de Hill’s en Galicia, da Protectora Arco da Vella; da Peluquería canina A Malata, que colabora habitualmente coas protectoras da zona; e unha persoa vencellada á xestión de colonias felinas outorgarán varios premios especiais. Así, ao animal que sexa exemplo de superación e ao que destaque pola interacción cos seus humanos, e á familia máis entregada aos coidados da mascota.

Para participar cómpre apuntarse in situ, ata un cuarto de hora antes do inicio da actividade, programada para o xoves 6 de agosto, a partir das 19 horas. Os animais deberán presentar un bo estado de saúde e estar debidamente coidados. E no caso de especies exóticas, terá que acreditarse a súa propiedade e situación legal.

O Festival de mascotas é unha das múltiples actividades que conforman a ampla programación de Equiocio Ferrol, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrella Galicia, Gadis e Integral Motion, e coa colaboración da Universidade da Coruña, Deporte Galego, Sogama, JRilo, Pavo, Federación Hípica Galega, Comunidade de montes veciñais en man común de Covas- Esmelle, Návitas e Arte BCen.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *