Ferrol volverá converterse en epicentro da hípica nacional coa celebración dunha nova edición de Equiocio, a XXXIV xa. E esta mañá, a directora do certame, Ana Pérez Lago, adiantaba as datas para este 2025. Equiocio Ferrol regresará ao Campo das Cabazas, en Covas, do xoves 31 de xullo ao domingo 3 de agosto. E farao, tal e como indicaba o director deportivo, Federico Pérez Lago, con importantes novidades. A principal, a ampliación do calendario deportivo de competición, que arrincará xa o mesmo 31 de xullo e manterase durante as catro xornadas -en lugar das tres habituais-.
En paralelo, a organización traballa con intensidade para ofrecer unha programación de lecer complementaria que medra en variedade e número ano tras ano, e que se dirixe fundamentalmente a un público familiar.
Multidisciplinar
Así, regresarán as actividades deportivas como a ruta BTT ao atardecer por Covas e Esmelle, a xincana BTT ou os bautismos de surf; as accións de sensibilización medio ambiental como obradoiros de plantación e de reciclaxe; as propostas culturais como mini concertos a cargo de agrupacións e formacións con gran arraigamento na cidade ou o I Festival Ecos de Cobas para grupos emerxentes, o I Certame de Pintura Liberarte; o novo Espazo Sonoterapia; iniciativas petfriendly como o Festival de Mascotas, con historias de superación compartida por público e os seus mellores amigos peludos, ou accións de divulgación tecnolóxica como os talleres Eco-Makers.
A isto súmase a presenza das asociacións e entidades do ámbito sociosanitario agrupadas en Equiocio Social, que volverán contar con presenza no certame para dar a coñecer o seu labor diario, ademais de impulsar diferentes actividades e accións da programación.
Ademais, Equiocio Ferrol adiantará nas próximas xornadas o calendario previo de programación que desenvolverá de aquí ao mes de agosto, como rutas de sendeirismo, sesións de sonoterapia, bautismos de surf… accións todas elas gratuítas e abertas á cidadanía.
Un ano máis, Equiocio Ferrol contará co apoio do Concello de Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e grandes firmas como Gadis e Estrella Galicia.
