Equiocio Ferrol difunde a cultura mariñeira entre os máis pequenos da casa cos seus talleres Peixiños na Pescadería de Ucha

Co ánimo de divulgar e poñer en valor a nosa cultura mariñeira entre os máis pequenos e pequenas da casa, Equiocio Ferrol levaba a cabo esta mañá os obradoiros de lecer didáctico “Peixiños” na Pescadería de Ucha, na cidade naval. Guiados por Espacio Vivo, nos mesmos participaban nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Os talleres presentáronse a modo dunha divertida xincana coa que puideron aprender sobre as diferentes especies de peixes e mariscos que podemos atopar nos mercados e prazas de abastos da Comunidade, as zonas onde se pesca cada unha delas e a importancia de incluír o peixe na nosa alimentación.

A iniciativa contou co apoio da Consellería do Mar, a través da súa campaña Galicia Sabe Amar, e os talleres, que terán continuidade na xornada previa ao inicio de Equiocio Ferrol, estruturáronse en varias partes. Comezaban cun xogo de acertixos onde rapaces e rapazas tiñan que averiguar o tempo de degradación de diferentes residuos que, desgraciadamente, resultan habituais de ver nas zonas de costa, como latas ou botellas de plástico. Continuaban coa resolución de enigmas sobre a denominación de diferentes especies de peixes e mariscos galegos e a súa correspondencia noutras linguas, entre outras probas. Tamén houbo tempo para conversar cos peixeiros e peixeiras nos seus postos, e mesmo con algúns clientes, obtendo nova información para a resolución de novas adiviñas coas que ampliar coñecementos.

O proxecto formou parte do calendario de accións previas a Equiocio Ferrol, que se desenvolverá do 1 ao 4 de agosto co apoio de administracións como o Concello de Ferrol, a Deputación provincial de A Coruña e a Xunta de Galicia, e grandes firmas galegas como Gadis e Estrella Galicia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *