Equiocio consolídase como evento multiexperiencia para o público infantil

Equiocio está a ser nesta edición máis que nunca un espazo pensado para o desfrute de todos e cada un dos membros da familia. O certame fixo desta volta unha aposta especial pola programación infantil e por favorecer a conciliación, con propostas destinadas a enriquecer a experiencia dos cativos durante a visita, e facilitar que as súas nais e os seu pais poidan participar das competicións e das actividades do evento sen preocupacións.

Así, o certame conta por primeira vez, grazas ao apoio da Secretaría Xeral da Igualdade, cun espazo propio de conciliación, en horario de mañá e de tarde (de 10 a 13 e de 16 a 20 horas). Nel, nenos e nenas, a partir de 3 anos, poden compartir momentos con outros pequenos, colaborando no pintado dun mural inspirado no certame ecuestre. Ademais, da man de monitores especializados, participan en sesións específicas de iniciativas como as de peiteado canino.

Aínda que o epicentro da zona infantil segue a ser Pequeocio, unha área patrocinada por Gadis, na que os rapaces poden participar nos obradoiros “Da leira á cociña”, nos que poden familiarizarse coas plantas máis comúns utilizadas nas casas para cociñar, así como coñecer aquelas que se dan mellor en Ferrolterra, ademais de aprender o proceso de plantación.

Pero as propostas para o público infantil, cuxa presenza é tamén cada vez máis numerosa na competición, participando nas distintas probas valedoiras para a nacional Copa Campeones 2022, non se esgotan aquí. Así, tamén hai actividades para eles vencelladas ao eido social e máis á sostibilidade.

De feito, están a ser protagonistas dos obradoiros de reciclaxe creativa desenvolvidos pola firma ferrolá Onda Nosa, nos que teñen a oportunidade de facer as súas creacións artísticas a partires dos refugallos recollidos nas praias da contorna de Covas. Finalmente, asociacións como Asotrame tampouco quixeron esquecer a este público, buscando conciencialos da importancia da doazón de médula ósea a través da proposta Xogos de familia e con obradoiros de debuxo da man ilustradora ferrolá Laura Molero.

Desta forma Equiocio quere garantir que os máis cativos poidan vivir en Equiocio unha auténtica multiexperiencia, compartindo espazo e xogos con outros nenos e incorporando valores positivos de solidariedade, igualdade, inclusión e respecto ao medio ambiente, ademais dos que teñen que ver co deporte.

ADIANTO DA ÚLTIMA XORNADA

A 31 edición de Equiocio chega este domingo á súa fin, cunha xornada na que se coñecerá quen ocupa o máis alto do podio na proba estrela, o Gran Premio Cidade de Ferrol (Concurso Nacional de Salto Tres estrelas), e no resto dos concursos ecuestres. Unha xornada na que non faltarán tampouco as actividades medioambientais (senda das Cabazas, guiada pola SGHN, e obradoiros de reciclaxe creativa), gastronómicas (degustación  e maridaxe de mexillón e conservas do espazo Galicia sabe amar), sociais (un xantar intercultural) e as citadas propostas infantís.

Equiocio conta nesta edición como principais patrocinadores con Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Estrella Galicia, Gadis e Deputación da Coruña. Completan a lista a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Sogama, Carné Xove, Reganosa, J.Rilo, Coca- Cola e a Comisión de Montes Veciñais en Man Común Covas e Esmelle.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *