Equiocio activa este sábado o seu programa de actividades coa limpeza en Esmelle do río Xunto

Equiocio pon en marcha este sábado o seu programa anual de actividades. E faino sumándose por primeira vez á campaña “1 m2 polos ríos, lagos e encoros”, que impulsa o proxecto Libera de SEO BirdLife en alianza con Ecoembes. Dentro desta convocatoria, que inclúe accións simultáneas en toda España, o certame hípico e de lecer organiza unha xornada de limpeza no río Xunto, en Esmelle.

A iniciativa, prevista inicialmente para a semana pasada e adiada polo mal tempo, busca contribuír a liberar de residuos o curso fluvial do río que desemboca na praia de Esmelle e, sobre todo, crear conciencia entre a cidadanía.

O punto de encontro dos participantes desta actividade, na que terán protagonismo usuarios e usuarias de entidades sociais de Ferrolterra, será no local social da AVV de Esmelle, ás 11:00 horas. E alí será onde se lles proporcione os medios (luvas e bolsas) e indicacións para realizar a limpeza, que se fará en distintos tramos do río. Os residuos retirados clasificaranse e, coa colaboración do Concello de Ferrol, entregaranse a xestores autorizados para a súa reciclaxe.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *