Equiocio Ferrol promete dende este venres o CSN*** Cidade de Ferrol máis potente dos últimos anos

Equiocio Ferrol reforza a partir deste venres a súa oferta deportiva co inicio do Concurso Nacional de Salto*** Cidade de Ferrol, o único desta categoría do verán en Galicia, e máis co nacional para ponis, valedoiro para a Copa de Campeones. Por diante, tres días nos que pasarán pola pista central do campo das Cabazas, en Covas, xinetes e amazonas  nacionais e internacionais de primeiro nivel. Incorporacións de última hora como as da inglesa Vicky Burd, unha amazona top no marco europeo, e novos xinetes portugueses, engaden atractivo á que promete ser unha das edicións máis potentes dos últimos anos.

Máis de 240 binomios participarán dende hoxe, xornada centrada nas probas territoriais, ata o domingo, nas tres competicións que se disputan, de forma encadeada, en Equiocio Ferrol. E ao redor de 210 deportistas (o 65% amazonas) mediranse no medio centenar de probas de salto programadas.

O CSN *** incluirá unha ducia de probas oficiais, sobre alturas de 1,10; 1,20; 1,30; 1,35 e 1,40 metros de altura. A máis esixente é o denominado Gran Premio Cidade de Ferrol, programado para o domingo 9 ao mediodía. Compiten amazonas e xinetes de todo o país – ademais da presenza de galegos, destaca a delegación madrileña- de portugueses e a citada deportista inglesa.

Entre os favoritos para as probas grandes, algúns nomes que xa tocaron o ceo en Equiocio Ferrol, como o galego Javier González Fraga (“Fino”), o madrileño Álvaro Gil e, como non, os lusos Ivo e Hugo Carvalho, este último disposto a revalidar o título e facer historia conseguindo o cuarto Gran Premio Cidade de Ferrol. A esta lista cómpre ademais sumar os nomes de Álvaro Blanco, Rolando Ravelo e, por suposto, o de Vicky Burd.

No que atinxe ao CSNP1, valedoiro para a Copa de Campeones, haberá competición nas categorías de ponis (A, B2, B, C2, C e D2).

Polo que se refire á competición deste xoves. Ao longo da mañá disputáronse as probas de 1,00; 1,10 e 1,20 metros. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, entregaba ao mediodía, acompañada do presidente do comité organizador, Ricardo Pérez Lama, o Trofeo Xunta de Galicia á vencedora da proba de 1,00 m, Elena Gándara; e o de Turismo de Galicia (1,10 m) a Julián Aneiros. Pola súa banda Cristina Canosa, responsable de proximidade de Hijos de Rivera, facía entrega do Trofeo Estrella Galicia ao xinete ferrolán Joaquín Poves, que se facía cos tres primeiros postos na proba de 1,20 m.

A edición 35 aniversario de Equiocio Ferrol contará co patrocinio de Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrella Galicia, Gadis, Integral Motion, Deporte Galego e as colaboracións de JRilo, Pavo, a Federación Hípica Galega, e a Comunidade de Montes veciñais en man común de Covas- Esmelle.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *