Vitoria para Hugo Carvalho na primeira proba grande de Equiocio Ferrol 2025

O portugués Hugo Carvalho, dúas veces gañador en Equiocio Ferrol, vencía, a lombos de “Nau N”, na primeira das probas grandes do Concurso Nacional de Salto*** Cidade de Ferrol. Disputábase ao mediodía a un baremo de dúas fases especiais e a unha altura de 1,35 metros.

O xinete luso, un dos grandes favoritos da edición, ocupou ademais o segundo posto da clasificación con outro dos seus cabalos, “Kilate N”. Completaba o palmarés desta proba, na que competiron un total de oito binomios, o galego Xabi Paz con “Coriano AF 7”.

O poderío do luso deixouse notar tamén na proba de 1,30 metros. Desta volta, Carvalho fíxose coa primeira posición a lombos de “Impero do Belmonte”. A amazona Leticia Vázquez, con “Pléyades del amor”, quedou segunda. E Joaquín Poves Gil, que competiu con varios cabalos, foi terceiro, con “Eggie del Masset”.   

Na segunda xornada de competición hípica en Covas, na que se produciron ao redor de 240 saídas á pista central, proba máis numerosa foi a de 0,80 m, que arrincaba a media tarde con nada menos que 108 binomios. Este sábado terá lugar a media tarde un dos momentos esperados no plano deportivo, o Pequeno Gran Premio de Gadis.

A competición ecuestre de Equiocio Ferrol 2025 conta co patrocinio de Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Ferrol, Turismo de Galicia, Gadis, Estrella Galicia, Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Federación Hípica Gallega, JRilo e Integral Motion.

VER RESULTADOS DAS DISTINTAS PROBAS

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *