Últimos preparativos para o arranque este xoves da 35 edición de Equiocio Ferrol

Todo a punto no campo das Cabazas (Covas) para a celebración da edición 35 aniversario de Equiocio Ferrol. O certame inaugúrase este xoves 6 de agosto, unha xornada na que, a partir das 10 horas, arrinca a competición hípica e, pouco despois, a variada programación de lecer deseñada para toda a familia. A organización confía en que, un ano máis, milleiros de visitantes de dentro e de fóra de Galicia pasen ata o domingo polas instalacións para seguir as probas e desfrutar do ambiente.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Marina Aneiros, a deputada de Industria, Emprego Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosana García, o alcalde en funcións de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, e o presidente do comité organizador, Ricardo Pérez Lama, serán os encargados de inaugurar oficialmente o evento no que participarán ata o domingo 9 de agosto máis de 240 cabalos e uns 200 xinetes, algúns de primeirísimo nivel.

Competicións

No plano deportivo, desenvolveranse, de forma concatenada, na pista central de Equiocio ata tres competicións (o Concurso Nacional de Salto *** Cidade de Ferrol, o nacional de Ponis, valedoiro para a Copa de Campeones, e o Concurso de salto territorial). En total, haberá unhas 260 saídas á pista a diario.

A canteira galega será, como sempre, a grande protagonista. A primeira xornada de competición centrarase exclusivamente nas probas territoriais que, desta volta, suman ata 164 equinos e 136 deportistas, a maioría xente nova. E será ao día seguinte cando comecen as restantes competicións, co foco posto no único concurso nacional con categoría tres estrelas que se programa durante o verán en toda Galicia. O concurso atrae fundamentalmente a participantes de toda España e de Portugal.

Programación

No que atinxe á programación paralela, a oferta segue medrando e diversificándose. Así, Equiocio volverá ser escaparate turístico do xeodestino Ferrolterra (ata sete concellos estarán presentes no evento) e plataforma de proxección das entidades sociosanitarias que traballan na comarca.

Volven propostas testadas con éxito como os obradoiros de cociña creativa de Gadis, a artesanía e talleres do Ecomarket; as degustacións gratuítas de GALICIA SABE AMAR, as sesións de sonoterapia, o festival de mascotas (unha das propostas que máis atrapa da xornada inaugural), e o concerto o venres pola noite de Malditos pendejos.

Novidades

Entre as novidades, as Sound Sessions, protagonizadas por distintos dj que porán a banda sonora ás tardes noites mentres se desfruta da zona gastronómica; a presenza activa da Universidade da Coruña, con stands e varias charlas; e a colaboración de Arte BCen, de Blanca Cenalmor, cunha pinacoteca ao aire libre e o avance do seu proxecto “Lenzos sonoros”, proposta que une pintura e músicas meditativas. Ademais, estréase a canle oficial en YouTube, na que se poderán seguir en directo algunhas das probas máis potentes da edición.

A edición 35 aniversario de Equiocio Ferrol contará co patrocinio de Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrella Galicia, Gadis, Integral Motion, Deporte Galego e as colaboracións de JRilo, Pavo, a Federación Hípica Galega, e a Comunidade de Montes veciñais en man común de Covas- Esmelle.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *