O xinete luso Hugo Carvalho, a lombos de “Nobel Style N”, coróase como campión do Gran Premio Cidade de Ferrol, a proba estrela do Concurso Nacional de Saltos tres estrelas que organiza Equiocio Ferrol. A proba, sobre unha altura de 1,40 m, resolveuse este mediodía sen necesidade de recorrer ao desempate. A voceira do goberno do Concello de Ferrol, Pamen Pieltain, facía entrega do premio.
Carvalho foi gañador da primeira proba grande da edición, e co triunfo de hoxe anótase o seu terceiro Gran Premio na historia do certame ferrolán. Ademais, o xinete portugués, un dos grande favoritos, foi terceiro na clasificación xeral co seu cabalo “Kilate N”.
Completou o podio da proba raíña, na que competiron un total de oito binomios, o galego José Luis Milán Dopico con “Mv Laniki”.
Foi o momento álxido da competición hípica de Equiocio Ferrol, que reuniu entre probas territoriais, o Concurso Nacional de Saltos***, e o Nacional de Ponis, ao redor de 220 xinetes e amazonas, chegados de distintos puntos de España e Portugal. Ademais, o certame volveu destacar polo seu apoio á canteira galega. Segundo a previsión da organización, as últimas saídas a pista terán lugar este domingo preto das 21 horas (ver resultados)
Éxito de público
Pero Equiocio Ferrol foi, como sempre, máis que hípica. O evento volveu ser escaparate do Xeodestino Ferrolterra- Rías Altas no plano turístico, social, cultural e gastronómico. Gustaron os novos talleres de cociña creativa de Gadis para o público infantil e a oferta de artesanía sostible e de proximidade do Ecomarket. Tiveron boa acollida os bautismos e baños de vibración e son do espazo de sonoterapia. Esgotaron prazas as catorce degustacións de Galicia sabe Amar e non defraudaron propostas clásicas como a ruta e a xincana de BTT, o Festival de Mascotas ou o concerto, xa habitual, de Malditos Pendejos.
O atractivo da competición hípica de primeiro nivel, unido a unha oferta de lecer cada vez máis ampla e variada (houbo ata 75 propostas), volveu demostrarse infalible, atraendo durante os catro días do evento a unhas 25.000 persoas por Covas. A climatoloxía favorable e a ampliación a catro dos días de competición hípica axudaron ao éxito desta 34 edición.
Equiocio Ferrol contou este ano como patrocinadores principais con Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Turismo de Galicia, Gadis e Estrella Galicia. Colaboraron ademais Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Sogama, J. Rilo, Integral Motion, Coca Cola e a Comunidade de Montes en man común de Covas e Esmelle.
