Javier González Fraga coróase como triunfador do Gran Premio Cidade de Ferrol

Javier González Fraga leva o Gran Premio Cidade de Ferrol 2024. O xinete galego, que onte gañaba o Pequeno Gran Premio de Equiocio, anotábase hoxe o triunfo a lombos de “Sonic JGF” na proba reina máis emocionante dos últimos anos. O alcalde accidental da cidade naval, Javier Díaz, facía entrega do premio.

O gran triunfador da 33 edición impúxose nun rifado desempate, no que participaron nada menos que cinco binomios, ao tamén galego José Luis Milán, xinete co que precisamente compartiu o título de gañador exaequo no ano 2020.

Completaron a parte alta da clasificación xeral na proba, sobre unha altura de 1,40 m, os portugueses Luis Fernandes e Miguel Viana, que volvía ao certame tras máis dunha década de ausencia e, de novo, González Fraga, esta vez con “Orlando JGF”. O xinete galego completaba así un magnífico verán, tras a súa vitoria no Internacional de Casas Novas.

Foi o momento álxido da competición hípica de Equiocio Ferrol, que reuniu entre probas territoriais, Concurso Nacional de Saltos***, e o Nacional de Ponis, valedoiro para a Copa de Campións, e incluído na liga de Norte a Sur, a ao redor de 300 xinetes e amazonas, chegados de distintos puntos de España e Portugal, ademais dunha amazona ucraína.

Equiocio Ferrol 2024, que apostou pola sustentabilidade, pecha esta tarde noite a súa 33 edición, na que referendou a súa aposta por converterse en escaparate do mellor de Galicia, e singularmente do destino Ferrolterra- Rías Altas. Entre as propostas que máis triunfaron entre os visitantes hai que destacar as degustacións de GALICIA SABE AMAR, os novos talleres de construción con materiais reciclados e impresión 3D do espazo Eco-Maker, as actividades de plantación ou o concerto de Malditos Pendejos, que animou a noite do venres.

A fórmula de Equiocio Ferrol volveu demostrar a súa eficacia, atraendo ao longo das súas catro xornadas a unhas 25.000 persoas, convertendo Covas en destino obrigado para os amantes da hípica de toda Galicia.

O certame de hípica e lecer familiar contou en 2024 co patrocinio de Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis, Estrella Galicia, Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Autoridade Portuaria Ferrol- San Cibrao, Deporte Galego, Sogama, J. Rilo, e Comunidade de Montes en man común Covas e Esmelle.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *