Javier González Fraga anótase a vitoria no Pequeno Gran Premio de Gadis

 Segunda xornada de competición hípica en Equiocio Ferrol 2024, na que, como cada ano, todas as miradas estaban centradas no Pequeno Gran Premio de Gadis, proba pertencente ao Concurso Nacional de Salto ***. A vitoria na proba, sobre unha altura de 1,30 metros, foi para o galego Javier González Fraga.

O conselleiro e delegado de Gadis en Ferrol, José Carlos Díaz Arnau foi, un ano máis, o encargado de entregar os trofeos aos tres primeiros clasificados. Na proba, na que competiron un total de 18 binomios, impúxose sen necesidade de desempate González Fraga, a lombos de “Queen SCS”. O que foi gañador do Gran Premio Cidade de Ferrol 2020 segue coa súa boa serie, tras gañar hai unhas semanas o Internacional de Casas Novas.

A segunda posición na clasificación xeral foi para o madrileño Álvaro Gil, incorporado á nómina de gañadores do Gran Premio Cidade de Ferrol no 2022. Mentres, o portugués Ivo Carvalho (vencedor tamén do GP no 2021 e no 2023) tívose que conformar co terceiro posto.

A competición hípica arrincaba ben cedo coas probas de 0,50 e de 0,80 m, que se disputaban na segunda pista de Equiocio Ferrol, quedando o resto das probas territoriais, así como as do Nacional de Ponis, e as do Concurso de Saltos Nacional *** Cidade de Ferrol para a pista principal.

Todas as probas do CSNP1 disputáronse baixo o baremo de dúas fases especiais. Na categoría ponis A impúxose, como onte, María González. O triunfo en ponis B2 foi para Valeria Iglesias e en ponis B, de novo, para Gonzalo Criado. Elena Gándara anotouse a vitoria en ponis C2; en ponis C; Olivia Gómez e, finalmente, en ponis D, Hugo Blanco.

En 0,50 metros houbo quince primeiros clasificados ex aequo. En 0,80, a vitoria foi para Clara Tudela. María González Blanco triunfou en 1 metro. A proba de 1,10 m foi para Alba García, a de 1,20 m para Noa García Abeledo e o triunfo en 1,35 m foi tamén para Javier González Fraga.

O certame de hípica e lecer familiar conta no 2024 co patrocinio de Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis, Estrella Galicia, Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Autoridade Portuaria Ferrol- San Cibrao Sogama, J. Rilo, e Comunidade de Montes en man común Covas e Esmelle.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *