Gadis renova a alianza con Equiocio Ferrol e patrocinará a súa programación de lecer infantil

Gadis referenda o seu compromiso con Equiocio Ferrol 2023. A firma volverá ser un dos principais patrocinadores do certame hípico e de lecer familiar, que se celebra en Covas do 3 ao 6 de agosto, achegando ademais o groso da programación destinada ao público infantil. Unha oferta que apostará por fomentar a diversión dos máis pequenos da casa en contacto coa natureza, e por recuperar os xogos tradicionais.

O delegado de área e conselleiro de Gadisa, José Carlos Díaz Arnau, e a directora de Equiocio, Ana Pérez Lago, subscribían esta mañá no edificio do Antigo Hospicio de Ferrol o convenio que actualiza a tradicional colaboración entre a firma galega distribuidora de alimentación e o evento. Un acto cargado de emotividade – Díaz Arnau sinalou que posiblemente sexa a súa última firma tras 24 anos- no que participaron tamén a directora de Marketing e RSC da empresa, Melisa Pagliaro; o concelleiro de Deportes de Ferrol, Ricardo Aldrey, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

En virtude do acordo, a XXXII edición de Equiocio contará, da man de Gadis, cunha gran área destinada ao xogo infantil, con propostas que, como sinalaba Pagliaro, responden os valores compartidos entre a firma e o certame “sinónimo de respecto polo medio ambiente, polo deporte, pola vida saudable e pola tradición”.

Nesta liña, a responsable de Marketing e RSC de Gadis detallaba que, durante a cita, a empresa promoverá talleres de horto, destinados a dar a coñecer as plantas de uso máis común no ámbito gastronómico e poñer en valor as froitas e verduras de tempada. En paralelo, grandes e pequenos poderán gozar con xogos de toda a vida, fabricados en madeira de forma artesanal, cun formato XXL. E ademais, durante a xornada de apertura, impulsará a proxección ao aire libre da película “Mi amigo Pony” (xoves 3, ás 20.30 horas).

En representación do evento, Ana Pérez Lago agradecía o apoio incondicional que desde fai case un cuarto de século presta Gadis: “Equiocio Ferrol non sería o que é sen Gadis”, subliñaba, antes de agradecer tamén o importantísimo respaldo que brindan tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Ferrol.

O edil de Deportes, Ricardo Aldrey, poñía en valor a evolución experimentada polo certame, destacando o “carácter social e solidario” que foi adquirindo nas últimas edicións e incidindo en “a importante repercusión a nivel deportivo, turístico e económico que ten para a cidade e para o conxunto da comarca, polo volume de xente que move”. “Equicio é Ferrol e achega un valor engadido á cidade”, resaltaba.

O acto pechábao a delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, quen eloxiaba o respaldo de Gadis -“empresa con ADN galego e con ADN sostible”- a un certame que constitúe “un gran polo de atracción de Ferrol cando chega o verán” e un dos seus mellores escaparates. Aneiros engadía que,a demais dun “referente nacional e internacional”, Equiocio é unha cita ambiental, turística, social, cultural… “Temos unha común mirada poliédrica deste evento” que, en palabras da delegada territorial da Xunta, “é Ferrol en estado puro”.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *