Equiocio impulsa un encontro entre os eventos de maior tirón turístico de Ferrol

Equiocio poñía en marcha esta tarde a súa 31 edición coa vontade de converterse máis que nunca no gran punto de encontro de Ferrol. É un espazo de confluencia para o mundo da hípica, para as asociacións sociosanitarias e culturais que traballan na comarca e desde agora tamén para os eventos e celebracións máis arraigadas da cidade naval. Os seus responsables citáronse en Covas para avaliar posibles colaboracións futuras.

O arranque do certame ecuestre e de lecer serviu para mostrar publicamente a firme vontade de estreitar lazos entre as principais citas festivas da cidade, desde eventos culturais e artísticos, espectáculos deportivos e celebracións relixiosas. Todos cun evidente tirón turístico.

Así, compareceron responsables das Meninas de Canido (Eduardo Hermida); do Nachiños Fest (Fernando Amador); do Rally de Ferrol (con Germán Castrillón á cabeza); das Pepitas (Ricardo González) e da Semana Santa de Ferrol (César Carreño), ademais de Arturo Lamas, presidente do Real Coro Toxos e Froles, e, como non, a directora de Equiocio, Ana Pérez-Lago. Foi un “irmandamento” entre organizacións que, segundo subliñou esta última, “compartimos o compromiso e o amor por Ferrol, e valores como a igualdade ou a sostibilidade”.

O encontro, ao que asistiu o edil de Cultura e Deporte, Antonio Golpe, quen puxo en valor o traballo das asociacións e eventos participantes que “fan Ferrol e axudan a medrar á nosa cidade”, permitiu debuxar un horizonte de colaboración conxunta do que poderían xurdir novos proxectos e iniciativas. E rematou cunha entrega de agasallos por parte dos anfitrións.

Pero a primeira xornada en Covas deu para moito máis. E, como vén sendo tradicional, o público familiar, especialmente os pequenos foron os grandes protagonistas. Desta volta, tomaron a pista central para mostrar a súa destreza como ciclistas na xincana infantil deseñada polo Club BTT Valle de Esmelle e Ciclos Roca. Tamén houbo oco para o Festival de Mascotas, un canto ao coidado dos animais de compañía e aos beneficios que reporta convivir con eles. Con todo, o mellor está por chegar.

COMEZA A HÍPICA

Mañá iniciarase a competición ecuestre, auténtico corazón de Equiocio. Participarán nas distintas probas, que se prolongan ata o domingo, 260 xinetes e amazonas procedentes de distintos puntos de España e tamén de Portugal e uns 285 cabalos.

En total, durante os tres días de concursos (desenvólvense o nacional de Saltos “Cidade de Ferrol”; o de ponis, valedoiro para a “Copa Campeones 2022”; e os concursos de salto territoriais), o público poderá gozar de preto dun milleiro de saídas á pista (320 en cada xornada). Unha cifra récord, que obrigará a habilitar dúas pistas de competición en horario de mañá. As probas arrincarán ás 10 h.

No que atinxe á programación paralela, mañá venres, día da inauguración oficial (12 horas), gañará en intensidade e variedade. Sucederanse ao longo do día ata 20 propostas diferentes que van dos obradoiros infantís de Pequeocio á ruta btt ao atardecer, pasando por actividades de asociacións como Asotrame, ASCM e AXF ou as catas de “Galicia sabe amar”. E a todo isto, hai que engadir a recuperada oferta de concertos nocturnos, con directos de Carlos Mosquera “Mos” e Malditos Pendejos.

Equiocio conta na súa 31 edición como principais patrocinadores a Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Xacobeo 2022, Concello de Ferrol, Estrela Galicia, Gadis e Deputación da Coruña.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *